Aumentan os contaxios nas residencias de maiores, que suman 235 casos

Un traballador sanitario acode nunha ambulancia á residencia de San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As residencias galegas rexistran 28 novos contaxios.

A cifra de persoas maiores diagnosticadas de Covid-19 en residencias da Galiza continúa a súa tendencia ascendente e sitúase en 235, após notificárense 28 novos casos nas últimas horas, segundo consta no parte diario que elaboran as Consellerías de Sanidade e de Política Social.

Dos novos contaxios detectados, 18 están vinculados ao gromo do xeriátrico da Pastoriza, que duplica os seus casos activos e pasa a ter 36; seis ao do centro Paz y Bien de Tui, que ascende a 39 maiores contaxiados; e outros dous ao foco da Residencia San Bartolomeu de Xove, que conta con 25 residentes con Covid-19.

Nas últimas horas faleceron dúas persoas usuarias de residencias, unha no centro de Xove e outra no de Santa Teresa Jornet da Coruña. Outros cinco usuarios recibiron a alta: dous no centro de Xove, outros dous no Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo e un na residencia Monte Trega da Guarda (Pontevedra).

Tras estas variacións, a residencia DomusVi de Vimianzo continúa como a que ten máis casos activos de Covid-19 entre as e os usuarios, cun total de 72. Seguen a esta, o xeriátrico Paz y Bien de Tui e o da Pastoriza.

A San Bartolomeu de Xove conta con 25 maiores afectados, a residencia de Ribeira continúa con 19 e o Hospital Asilo de Ribadeo descendeu até os 18 que figuran na actualización deste sábado, 9 de xaneiro.

Por baixo da decena están o centro Santa Teresa Jornet da Coruña, con seis positivos; A Saleta de San Cristovo de Cea, con catro; o CRAPD Vigo II, con outros catro; e a residencia de Burela, a Vila  do Conde de Gondomar e os Apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove, cun caso cada un.

Persoal contaxiado

En canto ás traballadoras e traballadores dos xeriátricos, o cómputo de positivos ascendeu de maneira importante, até 121, despois de detectárense 26 positivos e tres altas.

En concreto, os novos contaxios rexistráronse no centro Paz y Bien de Tui (9), na Pastoriza (8), en  DomusVi Vimianzo (4), en DomusVi O Barreiro de Vigo (1), na nosa Señora da Esperanza de Ourense (1), na residencia de Ribeira (1), en San José de Arzúa (1) e na Ballesol de Oleiros (1). As altas correspóndense con dous empregados da Saleta de San Cristovo de Cea e un en Monte Trega da Guarda.

Por centros, o persoal máis afectado nos datos deste sábado tamén é a  DomusVi Vimianzo, cun total de 24 traballadoras e traballadores infectados, seguida da  Bartolomeu de Xove, con 12, e os xeriátricos da Pastoriza e de Tui, con 10 cada un.