Os test realizados aumentaron na última semana de agosto

Galiza amplía o número de probas PCR pero segue á cola do conxunto do Estado

Momento de realización dunha proba PCR. / AFP7 - J. Corchero
Desde que o 20 de agosto, o presidente en funcións Alberte Núñez Feixóo anunciara a realización de tests masivos, a cifra de PCR realizadas na Galiza aumentou 9% e sitúase en 124 por cada 1.000 habitantes. Así e todo, as cifras galegas seguen a estar por debaixo da media do Estado, onde a porcentaxe de probas realizadas aumentou o 10% no mesmo período.

Até o 27 do mes pasado a Xunta realizoulle á poboación un total de 335.263 probas PCR e destas, 27.806 fixéronse na última semana. As cifras son máis altas se nos referimos aos tests rápidos, o terceiro modelo empregado para a detección da Covid-19 xunto ás probas PCR e ás serolóxicas. Os números chegan até as 88,12 persoas de cada 1.000, case o dobre que a media do Estado (47,55 probas por milleiro de habitantes).

O anuncio de Feixóo da realización de test masivos produciuse a raíz do novo gromo na área sanitaria da Coruña, o pasado día 20, onde o centro de saúde do Ventorrillo se ocupou de realizar un cribado entre persoas de 18 a 40 anos. Para levar a cabo esta proba convocou un total de 5.000 persoas, das que só 35% acudiron a realizar o test. Ademais, desde esta área sanitaria, comunicouse que xa se comezou a convocar unha nova franxa de idade, dos 22 aos 25 anos, e que supón un total de 3.500 persoas ás que se citará desde agora e até o 11 de setembro para a realización de probas PCR.

Rastrexadores na loita contra a enfermidade

Ademais da realización de probas de detección do coronovirus, as persoas expertas coinciden na necesidade de facer un rastrexo dos casos positivos que permita localizar e examinar os contactos das persoas infectadas.

En declaracións a Nós Diario, Xesús Sueiro, da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Agamfec, explica que cando nos servizos de Atención Primaria se confirma un caso de Covid-19, débese activar un aviso que pon en alerta o sistema de rastrexadores para o seguimento dos seus contactos.

Desde a asociación comunitaria reclamaban unha "relación fluída co persoal de control de contactos", xa que se descoñece en que condicións se realiza a detección de posíbeis contactos, que seguimento se lles aplica e como se resolve a súa afectación en caso de presentaren síntomas. "O desexábel sería ter acceso a esta información", comenta Sueiro.