A Galiza atópase á cabeza en casos de depresión, por enriba da media estatal

Rosa Cerqueiro, Iria Veiga e Concha Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
Persoas expertas urxen un maior investimento en saúde mental e máis medidas sociais.

5,54% da poboación galega ten depresión, o que supera a porcentaxe media do conxunto do Estado español, segundo os datos da Enquisa Europea da Saúde de 2022. En conmemoración do Día Mundial da Loita contra a Depresión, que decorre o 13 de xaneiro, Nós Diario conversa con profesionais da psicoloxía e psiquiatría para analizar esta problemática. 

A médica psiquiatra do Sergas, Iria Veiga, confirma a veracidade deste dato indicando que “a Organización Mundial da Saúde sinala que a depresión afecta arredor de 4% da poboación mundial” polo que “ten sentido que na Galiza a cifra sexa un pouco superior” debido a diversos factores. Veiga explica nesta liña que o envellecemento da poboación galega pode ser un factor de risco, un argumento co que concorda a voceira do Movemento Galego da Saúde Mental e psicóloga clínica, Rosa Cerqueiro, quen engade que as persoas de maior idade experimentan máis soidade.

Con todo, os factores que poden provocar que aumenten os trastornos depresivos son moi variados. “Sabemos que canto peores son as condicións de vida máis aumentan os casos de depresión”, explica Veiga. Os problemas persoais e as situacións familiares, económicas ou sociais complicadas son diversos elementos que, entrecruzados, poden provocar a aparición da depresión. Por este motivo, ambas as profesionais manteñen que non existe un perfil concreto de pacientes con depresión, pero si unha serie de razóns que poden incidir en que unha persoa sexa máis vulnerábel e aumente a probabilidade de que chegue a un estado depresivo. 

Segundo explica Cerqueiro, a violencia está entre os principais factores de risco. A sensación de indefensión, o maltrato, os abusos ou o acoso son elementos moi perigoso. Tamén os problemas económicos, a precarización e o sentimento constante de alerta ao non saber se se vai poder dispor das condicións básicas de subsistencia. O xénero pode considerarse outro factor de risco, pois “as mulleres temos máis problemas de depresión polos condicionantes culturais e sociais nos que vivimos”, indica Cerqueiro. A psicóloga e integrante do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza Concha Rodríguez engade ao respecto que “as mulleres somos as primeiras en sufrir as consecuencias de pandemias e de guerras” polo que "o noso organismo ten unha maior tendencia a caer en estados depresivos”.

Aliás, Rodríguez sinala a importancia de diferenciar a tristeza da depresión. A tristeza, expón, é unha reacción comunicativa dun estado de ánimo depresivo -que non da depresión- habitualmente causada por algo, como a morte dun ser querido. Porén, a depresión é un trastorno do funcionamento interno das persoas que ten autonomía propia e que pode deberse a ter experimentado un período longo de tristeza non resolta. “Cómpre entender a depresión como unha condición que afecta o cerebro na súa totalidade”, argumenta Veiga, “e que provoca apatía e desgana” así como outros síntomas físicos, como o "cansazo, a dor e mesmo problemas de memoria”. Cerqueiro conclúe que a depresión é sentir que nada vai mellorar, “é a desesperanza total”.

Depresión na mocidade

Un informe da USC e a Fundación Barrié publicado en novembro indica que 17,8% dos adolescentes galegos presentan síntomas de depresión grave e moderada. Neste contexto, as tres profesionais concordan en que a mocidade é un dos grupos máis prexudicados por esta enfermidade. Entre os factores que provocan esta situación sinalan a presión á que está sometida a xente nova, tanto a nivel físico, como social, académico e familiar.

“As perspectivas académicas e laborais non son nada positivas” polo que as expectativas das novas xeracións en relación ao seu futuro “vense frustradas”, opina Veiga. Esa frustración pode conducir a un estado depresivo. Porén, Rodríguez mantén que a mocidade cada vez é máis consciente dos seus estados emocionais e é máis capaz de recoñecer unha baixada do ánimo. “Chamámola xeración de cristal, pero non porque sexa máis fráxil, senón máis transparente”, sostén Rodríguez.

Que se visibilizase máis o tema permitiu abrir unha porta, “pero realmente está fechada pola dificultade do acceso, tanto no servizo público como no privado”, indica Veiga. Así, Cerqueiro incide na necesidade de analizar as estruturas sociais que favorecen a suba dos casos de depresión.