A Galiza afronta a ponte do 12 de outubro con menos de 600 casos activos

Dispositivo de realización das probas PCR (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A Galiza afronta o inicio da ponte do 12 de outubro con outro descenso dos casos activos de Covid-19, que se sitúan en 589, mentres que aumenta lixeiramente a presión hospitalaria con 42 hospitalizados -catro máis que a xornada anterior-, e os novos contaxios mantéñense en 33. A taxa de positividade baixa a un 0,98% no conxunto do país.

Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, seguen 10 persoas diagnosticadas con Covid-19 ingresadas en UCI e aumentan a 32 as ingresadas noutras unidades -catro máis-, mentres que 547 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas de Vigo, que segue sen paciente Covid en UCI e rexistra seis noutras unidades de hospitalización -dous máis- e A Coruña e Cee, que mantén catro en críticos e conta con 11 noutras unidades -dous máis-.

As outras cinco áreas sanitarias continúan sen cambios con respecto á xornada anterior. Deste xeito, na de Ourense segue un paciente Covid en UCI e outro en planta; e na de Santiago e Barbanza mantense un en críticos e sete noutras unidades.

A de Lugo segue con tres pacientes Covid en UCI e catro noutras unidades; a de Pontevedra e O Salnés, cun en críticos e dous noutras unidades; e a de Ferrol cun único ingresado en planta por este coronavirus.

Menos de 600 casos

A Galiza afronta o comezo desta ponte de outubro, o primeiro con Galiza en niveis de 'nova normalidade', con tendencia descendente dos casos activos que caen até os 589, que implican 31 menos que os rexistrados a xornada anterior, ao haber máis altas (64) que contaxios (33).

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan lixeiramente unicamente na da Coruña e Cee (+1), mentres que descenden nas outras seis coa de Pontevedra e O Salnés á cabeza (-8), seguida da de Lugo (-7), Vigo (-7), Santiago e Barbanza (-5), Ferrol (-4) e Ourense (-1).

Por iso, con máis casos activos de Covid-19 segue a área da Coruña e Cee, con 161; seguida da de Ourense, con 112; Vigo, con 110; mentres que con menos dun centenar mantéñense a de Lugo, con 92; Santiago e Barbanza, con 63; Pontevedra e O Salnés, con 44; e Ferrol, con oito.

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidad na tarde desta quinta feira, a incidencia da Galiza a 14 días redúcese a 19,02 casos por 100.000 habitantes.

Contaxios sen cambios

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por terceiro día consecutivo na trintena, con 33, os mesmos que a xornada anterior, fronte aos 31 da cuarta, após comezar esta semana con 28 e descender a 24 a terza.

De novo os 33 positivos foron detectados por proba de infección activa nas últimas 24 horas, 14 deles na área da Coruña e Cee; sete, na de Vigo; cinco, na de Ourense; outro cinco, na de Lugo; un na de Santiago e Barbanza; e outro, na de Pontevedra e O Salnés, mentres que na de Ferrol non se rexistrou ningún.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- descendeu a un 0,98 e segue por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda a Galiza mantéñense en 2.640 ao non notificar na quinta feira a Consellaría de Sanidade novas vítimas.