'Galiza Abriga', un programa para acoller no país mulleres defensoras dos dereitos humanos en zonas de risco

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) encargarase da parte de incidencia social e política do programa. (Foto: Coordenadora galega de ONG)

Mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que ten presenza a Cooperación Galega poderán saír temporalmente do contexto de risco físico e psicolóxico no que se atopan, debido ao seu labor como defensoras de dereitos humanos, e pasar unha tempada na Galiza.

Defender a quen defende: ese é o obxectivo de Galiza Abriga, o primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos que bota a andar este mes de xaneiro para que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que ten presenza a Cooperación Galega poidan saír temporalmente do contexto de risco físico e psicolóxico no que se atopan, debido ao seu labor como defensoras de dereitos humanos.

O programa -cuxas responsábeis son as organizacións Solidariedade Internacional, Ecos do Sur e Agareso- nace como unha iniciativa do sector galego de cooperación internacional, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD, que identificou a necesidade de ofrecer unha alternativa de protección temporal a mulleres que polo seu papel de activismo social e político están sendo ameazadas e acosadas nos seus países.

As entidades que estean interesadas poderán acceder a partir de febreiro á convocatoria pública de acollemento temporal na web galiciaabriga.org. A proposta de candidatas deberá vir avalada por unha entidade no país de orixe e por unha entidade galega, para así garantir un proceso de estadía e retorno seguros.

“Este é un proxecto para fortalecer a sociedade civil dos países de orixe, dándolle un respiro ás activistas, ofrecéndolles o noso abrigo e seguridade na Galizas durante un tempo, onde se recuperarán psicolóxicamente e terán oportunidade de descansar para despois voltar aos seus países con forzas renovadas”, comenta María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD e directora de Solidariedade Internacional de Galiza.

Do itinerario de acollemento encargarase a entidade experta galega Ecos do Sur, con sede na Coruña, onde as tres activistas estarán aloxadas nun piso compartido durante a estadía de tres meses.

 “Faremos axendas persoalizadas para cada perfil, mesturando o apoio psicolóxico e atención médica coas actividades de ocio e tempo libre, para que a desconexión sexa efectiva”, afirmou Saray Durán, directora da organización.

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) encargarase da parte de incidencia social e política do programa. “As activistas coas que levamos anos traballando en rexións como Centroamérica manifestan que unha das medidas de protección máis eficaces, non para casos de protección de emerxencia, senón para ameazas de grao medio, é precisamente dar a coñecer en Europa as súas loitas, conseguir facer sinerxías coa sociedade civil organizada de occidente e porlle nome e cara aos seus agresores”, comenta Lorena Seijo, coordinadora de Agareso.

Para iso, este programa incorpora un compoñente que está pensado para que a súa estancia na Galiza sirva tamén para fortalecer as súas loitas e procurarlle máis apoios a nivel internacional.

Unha característica especialmente destacable do programa é o numeroso respaldo que ten de entidades do sector como Amigas da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Enxenerías sen Fronteiras, Médicos do Mundo, Provivienda, MPDL, Sólida e Mulleres Salgadas, que xunto co Fondo Galego de Cooperación e as tres universidades galegas conformarán o grupo de apoio, ofrecendo recursos e asesoría, ademais de participar nos proceso de selección e avaliación.

Agárdase que as defensoras de dereitos cheguen a Galiza entre abril e maio deste ano, para retornar aos seus países de orixe no verán. O programa, que se inspira en propostas xa existentes en Asturias, Euskadi ou  País Valencià, conta co financiamento da Xunta da Galiza, a través de Cooperación Galega e a Secretaría Xeral de Igualdade, e do programa Protect Defenders da Unión Europea.