Galiza abeira os 2.500 casos de coronavirus e suma 83 persoas hospitalizadas, 13 na UCI

O Sergas realiza probas a persoal vulnerábel da Coruña, así como doutros concellos limítrofes, no Punto Covid do Ventorrillo.
Todas as áreas sanitarias galegas sumaron onte casos de coronavirus, até chegar, en conxunto, aos 2.452 casos activos, segundo os últimos datos comunicados polo Sergas. Son 146 máis que na xornada previa. Computando as 67 altas epidemiolóxicas rexistradas nas últimas 24 horas, os novos casos ascenden a 213. 

En concreto, a área sanitaria de Compostela é a que sofre un maior aumento de casos, ao pasar de 212 a 274, segundo a actualización do Servizo Galego de Saúde. A área da Coruña e Cee ten 1.236 casos, a de Lugo 321 –17 máis que na xornada previa–, a área sanitaria de Ourense chega aos 212 –tiña 203 un día antes– e a de Pontevedra ascende 21 casos, até os 141, mentres que a área de Ferrol sitúase nos 113 casos, sete máis que no día anterior. 

A Consellaría de Sanidade confirma tamén un aumento das persoas hospitalizadas polo virus, que ascenden xa a 83, das que 13 están en unidades de coidados intensivos e o resto, en planta. Dos casos máis graves, seis están hospitalizados na Coruña, outros tres na área sanitaria de Verín, Ourense e Valdeorras,  dous no complexo hospitalario universitario de Lugo e dous máis na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés.

En Monforte, nove novos positivos elevan até 72 o número de persoas contaxiadas no foco rexistrado nos últimos días, segundo informa Sanidade, que expón que na xornada do pasado domingo realizou un total de 102 probas, que destaparon os novos positivos. Tamén confirma que existen cinco persoas máis con PCR positiva que están vinculadas a este gromo. 

 En Lugo, o número de contaxios vinculados a un local de copas sumaba onte dous novos contaxios, até chegar ás 15 persoas afectadas, ao tempo que seguen a facerse probas.

A Consellaría de Sanidade ten contabilizado, ademais, un foco familiar en Santa Comba que acada 22 casos positivos, segundo as cifras actualizadas de onte. 

O aumento sostido de casos levou onte a representantes de distintas Administracións locais a formular propostas para o control do coronavirus. Así, durante o encontro desenvolvido con concellos da área sanitaria da Coruña propúxose a posibilidade de acoutar o horario de praias até as doce da noite, medida que, segundo os concellos, debería ser publicada no Diario Oficial da Galiza. 

Neste contexto, e ante a inminencia do inicio do curso, concellos como o de Culleredo tamén amosaron a súa disposición a ceder espazos municipais á Consellaría de Educación, para facilitar o desdobramento de aulas, unha medida que permitiría reducir o número de persoas por aula. Segundo considerou o alcalde cullerdense, José Ramón Rioboo, é necesario "explorar todas as vías posíbeis para que a actividade docente se desenvolva nas mellores condicións de seguridade e propiciar a redución da ratio na aula".

No mesmo sentido, a alcaldesa de Salceda ofreceu onte á Xunta os edificios municipais do antigo centro de saúde e da antiga escola unitaria da Revolta para a diminución do alumnado por aula en dous centros de ensino que, segundo apuntou, acollerán 800 menores en setembro. 

Mantéñense as restricións na área da Coruña

A Xunta resolveu onte manter sen cambios as restricións que se están a aplicar desde o pasado día 8 nos nove concellos da comarca coruñesa polo aumento de positivos detectado, e que continúa en ascenso. Onte, o Sergas notificaba para esta área sanitaria 1.236 casos activos, 29 máis que na xornada previa. Esta é tamén a área sanitaria con maior número de persoas na UCI, 6, 

e outras 49 están en unidades convencionais de varios hospitais da cidade da Coruña. Ademais da redución de horarios na hostalaría e de capacidade, tanto nos estabelecementos como en reunións privadas, a Xunta está a desenvolver na Coruña unha campaña de cribado entre a mocidade, na que pretende realizar 62.000 PCR, e somete a probas a colectivos profesionais vulnerábeis da comarca.