A Galiza supera os 500 casos activos e rexistra un repunte de contaxios a 60

Cribado poboacional con tests de antíxenos na área sanitaria de Ourense. (Foto: Xunta da Galiza).

A Galiza chega ao final da semana cun incremento de casos activos de Covid-19 e alcanza os 505, así como cunha repunta dos novos contaxios a 60 -que supoñen 27 máis que o día anterior-, mentres que descenden a 25 os pacientes hospitalizados -dous menos-. Pola súa banda, a taxa de positividade dispárase a un 2,7%.

Segundo os datos publicados esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta quinta, redúcense a tres as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 -unha menos- e a 22 as que se atopan noutras unidades convencionais -unha menos-, mentres que 480 pacientes se atopan en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas da Coruña e Cee, que xa non ten pacientes Covid en UCI -a xornada anterior contaba con un- e tres noutras unidades -un menos-; e na de Vigo, que se mantén sen críticos e rexistra seis ingresados en planta -un menos-.

Por contra, aumenta lixeiramente na área de Santiago e Barbanza, que continúa cun paciente Covid hospitalizado en UCI e conta con catro noutras unidades -un máis-.

As outras catro áreas mantéñense sen cambios. Así, a de Ourense segue sen pacientes Covid en UCI e con seis ingresados en planta; a de Lugo continúa con un en críticos e dous noutras unidades; e a de Ferrol con un en cada caso.

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, polo seu lado, mantense por segundo día consecutivo sen pacientes Covid ingresados, a única da Galiza que non rexistra hospitalizados.

Suba de casos activos

En canto aos casos activos de Covid seguen en aumento por sexta xornada consecutiva en toda a Galiza e sitúanse en 505, que representan 28 máis que a xornada pasada, ao haber máis contaxios (60) que altas (31), ao que se suma un falecemento.

Así, as infeccións activas aumentan en cinco das sete áreas sanitarias: Ourense (+15), Vigo (+8), Pontevedra e O Salnés (+5), A Coruña e Cee (+2) e Ferrol (+2), mentres que descenden nas de Lugo (-2) e Santiago e Barbanza (-2).

A área da Coruña e Cee mantense como a única que supera o centenar de casos, con 139; seguida da de Ourense, con 86; a de Vigo, con 81; Pontevedra e O Salnés, con 65; Santiago e Barbanza, con 63; Lugo, con 38; e Ferrol segue á cola, con 33.

Repuntan os contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 repuntan na Galiza a 60, que supoñen 27 máis que os 33 da xornada pasada. O luns 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que a Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

Segundo os datos de Sanidade, desde o inicio desta crise sanitaria realizáronse na Galiza 2.894.051 PCR, que implican 2.157 probas máis que as rexistradas até o día anterior e unhas seis menos que as feitas a xornada pasada.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- repuntou a un 2,74%, tras caer ao 0,95% a quinta, despois de descender a cuarta ao 1,96%, aumentar ao 2,17% a terza e iniciar esta semana cun 1,06%. Mantense así por baixo dese 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.652, ao notificar este xoves a Consellaría de Sanidade un novo óbito.

A última vítima notificada corresponde a un home de 52 anos de idade que faleceu no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) e tiña patoloxías previas.