Galiza rexistra máis de 150 incidencias durante a fin de semana pola meteoroloxía adversa
Galiza rexistrou 156 incidencias desde a madrugada do sábado ás 15 horas deste domingo a causa da meteoroloxía adversa, aínda que ningunha delas de consideración. Así, segundo detallou o 112, a actuación máis habitual foi pola caída de árbores e ramas (70), avisos por restos de accidentes, terra e pedras na estradas (23) e o saneamento de fachadas (17).
Nunha fin de semana no que a xeografía galega estivo en aviso amarelo por choiva, os efectivos de emerxencias tamén tiveron que intervir por inundacións de estradas (7), vivendas (3) e en garaxes ou estradas (1).
Desta forma, os concellos que máis casos rexistraron foron o de Vigo (13); Compostela (12); Ponteareas, no Condado (sete); A Estrada, en Tabeirós-Terra de Montes (seis); e Carballedo (comarca de Chantada), Lugo e Outes (comarca de Noia), con catro.
Ademais, desde a tarde do sábado, está activado o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións na Galiza (Inungal) e, actualmente, non hai ningunha estación que supera o limite de seguimento estabelecido.
Neste contexto, no municipio que máis choveu este domingo foi Monfero (O Eume) cunha acumulación de auga de 65.9 litros por metro cadrado. En canto aos ventos, o refacho máis forte rexistrouse en Punta Candieira, en Cedeira (Ferrolterra), que alcanzou os 104.4 quilómetros por hora.