Máis de 200 familias acollen crianzas saharauís para gozaren do verán na Galiza

As crianzas, á súa chegada á Galiza. (Foto: Nicolás Gómez Carballo)
A acollida dáse cada ano entre xullo e agosto e forma parte do programa 'Vacacións en Paz', organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps).

Uns 232 nenos e nenas saharauís arribaron esta segunda feira á Galiza como parte do programa 'Vacacións en paz'. As crianzas foron acollidas por case 200 familias galegas coas que compartirán o que resta de verán até o seu regreso ao Sáhara na primeira semana de setembro. 'Vacacións en Paz' é un proxecto de acollida temporal de cativas saharauís durante xullo e agosto que na Galiza organiza o colectivo Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps).

Logo da súa chegada ao aeroporto de Vigo, 85 nenos e nenas saharauís desprazáronse ao Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, onde agardaban por elas as súas respectivas familias de acollida. Teñen como destino diferentes concellos do país.

No acto de benvida participou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que lles desexou "que teñan unha boa estadía na Galiza", á vez que agradeceu o labor indispensábel das familias que deciden "acoller nos seus fogares e nos seus corazóns" estes nenos e nenas e que son "a alma deste programa".

Por outra parte, García valorou as accións de Sogaps para desenvolver este programa e destacou o seu labor como "o gran motor da iniciativa". Na mesma liña, subliñou que "estas actuacións deixan claro que Galiza é unha terra solidaria con aqueles que o precisan, como se demostrou, por exemplo, na crise de refuxiados afgáns, coa axuda ás familias que foxen de Ucraína e agora, un ano máis, acollendo estes nenos para que poidan pasar unhas vacacións en paz".

Tal e como lembraron desde Sogaps, Galiza vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991. A entidade valorou ás familias saharauís que ofrecen a posibilidade de que as súas fillas e fillos gocen dunha "estancia agradábel, humana e culturalmente rica". Mais isto só é posíbel, precisou Sogaps, "grazas á supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu no aeroporto de Vigo estas crianzas, e na súa intervención destacou o compromiso e a solidariedade das familias galegas que demostran as familias, así como a súa contribución para que os nenos poidan gozar do verán na Galiza.

Rueda comprometeuse a "brindarlles ás familias de acollida todo o apoio que necesiten". "Esperamos que teñan unha experiencia que lembren para sempre", engadiu o presidente.