Galiza encadea 2 semanas de aumento de casos activos e atinxe os 1.285

Un cribado entre a mocidade de Ourense nunha imaxe de arquivo (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Os pacientes hospitalizados aumentan a 53, nove deles en UCI, e a taxa de positividade baixa a un 3,9%.

Galiza encadea dúas semanas de ascenso de casos activos de Covid-19, que atinxen os 1.285, que supoñen 540 máis que hai unha semana, tras rexistrar outros 136 novos contaxios, que non baixan do cento diario desde o 10 de novembro. Os pacientes hospitalizados por este coronavirus soben até o 53 -sete máis que a xornada pasada-, mentres que a taxa de positividade descende a un 3,9%.

Segundo os datos publicados na mañá desta segund afeira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste domingo, descenden a nove -unha menos- as persoas ingresadas en UCI pola Covid en toda Galiza e aumentan a 44 -oito máis- as hospitalizadas noutras unidades, mentres que 1.232 permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente en catro das sete: A Coruña e Cee, Ourense, Ferrol e Santiago e Barbanza; mentres que continúa sen cambios nas de Vigo, Lugo e Pontevedra e O Salnés.

Por décimo quinta xornada consecutiva os casos activos de Covid-19 aumentan en Galiza até situarse nos 1.285, ao haber máis contaxios (136) que altas (29), ao que se suma un falecemento. Con respecto ´segunda feira da semana pasada -8 de novembro- hai 540 infeccións máis. As infeccións activas ascenden de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coade  Vigo á cabeza (+51), seguida da da Coruña e Cee (+19), Pontevedra e O Salnés (+11), Santiago e Barbanza (+10), Ourense (+8), Lugo (+5) e Ferrol (+2).

Os novos contaxios mantéñense desde a cuarta feira da semana pasada por riba do cento

Os novos contaxios mantéñense desde a cuarta feira da semana pasada por riba do cento, con 136 no inicio desta semana, os mesmos que os deste domingo, cando hai unha semana había 54. A cifra máis baixa en canto a contaxios -desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'- rexistrouse o 11 de outubro, cando houbo 14.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, descende ao 3,93% no inicio desta semana, que supón o ecuador do mes de novembro, tras situarse no 4,16% este domingo.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.656, despois de notificar este domingo Sanidade unha nova vítima. Este óbito correspondeu a un home de 70 anos diagnosticado de Covid-19 que faleceu no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña e que contaba con patoloxías previas.