Galicia Bilingüe gábase de ser corresponsábel da disolución dun acto cultural en Lugo

Gloria Lago

Asegura que foi froito do seu traballo que a Consellaría de Educación exixise a suspensión dun coloquio organizado polos Comités no IES Ánxel Fole. 

 

A organización liderada por Gloria Lago asegurou através da súa conta oficial na rede social Twitter que o seu "traballo" "vai dando froitos". Expresábase así Galicia Bilingüe en relación coa expulsión de alumnado do IES Ánxel Fole no decorrer dun acto cultural organizado pola organización estudantil, Comités. 

O colectivo afirma que o "camiño" é prohibir actos organizados por "grupos radicais" como denominou os Comités e gabouse de ter contribuído para a Xunta ter cancelado a videoproxección e coloquio decorrido na cuarta feira (17 de setembro). 

O acto consistía na presentación do libro e documentario sobre o xurdimento de ERGA e foi disolto por orde da Consellaría de Educación pouco despois de comezar argüíndo que a autorización --que lles fora concedida desde a dirección do centro-- fora solicitada por unha persoa menor de idade. 

Co seu chío, Galicia Bilingüe deixa entrever responsabilidades na cancelación do acto e vén confirmar a perda de autonomía das direccións dos centros de ensino público que coa nova normativa educativa teñen que dar conta á Xunta das actividades que se desenvolven nas súas instalacións.