Galegos, vascos e cataláns, os cidadáns 'menos españois' de todo o Estado

Manifestación do Día da Patria de 2023 co mapa de 'Electomanía' superposto. (Foto: Arxina / Gráfica: EM-Analytics)
'Electomanía' publica un novo barómetro de opinión que recolle as grandes diferenzas no Estado español cos sentimentos identitarios.

Un novo estudo do Instituto EM-Analytics publicado no portal Electomanía deixa en evidencia as grandes diferenzas que existen no Estado español sobre os sentimentos identitarios. Os datos contrastan, por exemplo, o 29,2% de persoas residentes en Castela-A Mancha que din sentirse "só españolas", así como outro 23,3% que ten un maior afecto cara a España que á súa comunidade autónoma, co escaso 1,2% de galegos e galegas que só se senten españolas.

Con base neste barómetro de opinión, Galiza, Euskadi e Catalunya son os territorios con maior sentimento de pertenza e o menor en relación coa 'españolidade'. No caso galego, alén dese 1,2% de persoas que se identifican só con España, unicamente outro 3,5% afirman ser "máis españolas que galegas", mentres o 8,4% di que percibe por igual ambos os sentimentos, o 24,8% que é "máis galega que española"... e nada menos que un 62,2% de cidadáns e cidadás que aseguran sentirse identificadas só coa Galiza.

O estudo, cuxa mostra foi recollida antes das eleccións galegas do pasado domingo, debulla tamén os datos por recordo de voto —tomando como referencia os comicios de 2020—. Así, as e os electores do BNG son os que máis se senten unicamente galegas e galegos (75%), aos que se suma outro 24% que é "máis galego que español" e só un 1% ao que lle é indiferente. Tamén se define como "só galego" o 22% da masa de votantes do PSdeG, o 29% de Podemos, o 20% de Sumar, o 1% de Democracia Ourensá... e o 7% do Partido Popular.

Só se autodefinen como "máis españois que galegos", de media, as e os votantes de PP e Vox

E máis galegos que españois son o 53% dos votantes de Sumar, o 97% de DO, o 43% de Podemos, o 56% do PSdeG e o 13% do PP, mentres destacan o 27% dos populares e o 36% de Vox que son "máis españois que galegos" e o 7% e 29%, respectivamente, que son "só españois". Aliás, séntense "tan galegos como españois" o 27% de Sumar, o 35% de Vox, o 28% de Podemos, o 19% do PSdeG e o 46% do PP.

As cifras da Galiza son semellantes ás que replican Euskadi e Catalunya. No caso vasco, só o 0,9% da poboación di ser "só española", mentres un 1,7% é "máis española que vasca", un 4,6% "tan vasca como española", un 12,4% "máis vasca que española" e até un 80,3% "só vasca". E en Catalunya, ao 14,5% resúltalle indiferente; para o 10,7% prima o sentimento español e para o 74,7% restante, o catalán, salientando o 59% que son "só cataláns".

Tamén é superior o sentimento identitario rexional sobre o estatal en Nafarroa, Asturias, Aragón, Balears, País Valencià e Canarias.