Un galego é propietario da aeroliña encargada de deportar refuxiados a Ruanda

Un avión da aeroliña Privilege Style (Imaxe: Wikipedia)

A compañía aérea Privilege Style atópase no centro da polémica por ser quen ía deportar a Ruanda refuxiadas e refuxiados de todo o mundo que se atopaban nunha situación administrativa irregular no Reino Unido. A aeroliña é propietaria dun empresario ourensán.

Con base de operacións en Madrid, aínda que fundada en Palma de Mallorca hai 17 anos, a aeroliña Privilege Style é propiedade do empresario galego José Manuel Álvarez, coñecido como ‘Chema’. Vilaweb recolle a descrición que del fixo o grupo de investigación Corporate Watch: “Unha historia moi española nunha industria turística nepotista que non cambiou moito desde os días do Xeneralísimo Franco (...) Unhas poucas empresas familiares próximas a corporacións con apoio estatal”.

Explica que o pai tiña conexións coa industria turística “dinástica española” e que el puido abrir o negocio e adquirir o seu primeiro avión grazas a Iberia, “que lle vendeu un” de “segunda man a moi bo prezo”.

A aeroliña, cunha facturación superior aos 2,5 millóns de euros ao ano, saíu á palestra polas críticas recibidas nas redes sociais, após ser contratada para deportar a Ruanda refuxiadas e refuxiados de todo o mundo que se atopaban nunha situación administrativa irregular no Reino Unido. Mentres o resto de compañías implicadas habitualmente nas deportacións desbotaran participan na operación entre o Reino Unido e Ruanda, a empresa do galego foi a única que non revogou a decisión de realizar o voo.

O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos detivo a semana pasada os plans do Goberno de Boris Jhonson -que aprobara unha partida inicial de 120 millóns de libras para pór en marcha os voos- de deportar a Ruanda persoas refuxiadas, estratexia considerada pola ONU unha “violación do dereito internacional”.

Tras a campaña mediante as redes sociais na súa contra, a compañía optou por desactivar os comentarios. A imaxe da aeroliña viuse gravemente afectada, algo que se estendeu a empresas que colaboran con ela, como o grupo de viaxes TUI AG.

De transportar turistas a Tenerife a levar deportados

O 13 de xuño, a aeroliña de José Manuel Álvarez trasladaba turistas de Tenerife a Düsseldorf e, ao día seguinte, ese mesmo avión ía ser empregado para deportar ducias de refuxiadas e refuxiados do Reino Unido a Ruanda. Prevíase que a nave despegase ás 21.30 (hora local) de Stansted, ao norte de Londres, e que aterrase ás 6.20 horas do día seguinte en Kigali, capital de Ruanda.

As empresas de voos chárter como Privilege Style cumpren un papel importante na industria da aviación, dado que fan de transportistas de último recurso para marcas más grandes en momentos de necesidade.

En 2021, Privilege Style fixo 14 voos para deportar refuxiados para o Goberno de Jhonson. Mais este non é o seu único cliente. Segundo Corporate Watch, a compañía do galego foi a encargada de deportar persoas a Nixeria encadeadas polas pernas.

Alén do negocio das deportacións, Privilege Style traslada turistas alemáns ao Mediterráneo, así como equipos deportivos. De feito, Sevilla FC e Atlético de Madrid atópanse na nómina de clientes habituais. Tamén foi a que desprazou a selección de fútbol española durante a Eurocopa de 2008 de Austria e Suíza.

Tamén implicada no negocio das máscaras

A compañía aérea ten tamén entre os seus clientes o Goberno balear, que en 2020 lle adxudicou máis de 1 millón de euros sen concurso público, por procedemento negociado sen publicidade, para o “transporte de material Covid adquirido na China”.