O galego de 'Nós Diario' conquista as aulas

Alumnas e alumnos de 2º da ESO do IES Torrente Ballester levaron Nós Diario ás aulas de Lingua Galega.
A iniciativa de dúas profesoras do departamento de Lingua Galega do IES Torrente Ballester de Pontevedra levou Nós Diario ás aulas do instituto. O alumnado de 2º da ESO tivo a oportunidade de coñecer o deseño do xornal, as súas seccións, a disposición das novas, mais tamén, a ocasión de traballar co galego e coas palabras que lle dan vida ao diario. 

Non foi a primeira vez que Irene Santiago e Helga Pérez, profesoras de Galego no IES Torrente Ballester de Pontevedra, convidaron as súas alumnas e alumnos a traballar coa prensa diaria. "Mais foi a primeira vez que o fixemos cun xornal integramente na nosa lingua", recoñece Irene en conversa con este medio. 

Foron dúas horas de traballo guiado, polas diferentes seccións do xornal en papel, pola web e polas novas, os refráns e os encrucillados. "Foi moi interesante e quedounos traballo pendente que habemos resolver con algunhas entregas nos próximos días", admite. 

Reflexións arredor da lingua e o xornalismo

"Até o de agora, atopar novas en galego na prensa diaria era como buscar unha agulla nun palleiro". Desta volta, as profesoras tiveron tempo de presentar un xornal enteiro en galego. "Para nós, como docentes, é importante dispoñer deste material co fin de facerlle ver á rapazada que as noticias se poden contar en galego; que se pode facer un  diario íntegro e ben traballado desde o punto de vista lingüístico", explica Irene Santiago.

"Cómpren espazos de reflexión e instrumentos que nos axuden a reforzar a importancia da lingua".

A situación sociolingüística do galego é cada vez máis difícil, asegura. "Non hai rapazada que fale o galego en todos os eidos da vida. De 26, só un alumno é galegofalante". A maioría, di, imita os compañeiros e muda ao castelán. "Por iso cómpren espazos de reflexión e instrumentos que nos axuden a reforzar a importancia da lingua", engade Santiago.

"Eu sempre lles digo que somos responsábeis da continuidade do galego e que eles son axentes de cambio para a súa mellora", recalca a profesora, quen reclama moitos máis contidos en galego. "E tamén en portugués, como atopamos en Nós Diario, que nos axudan a estar en contacto coa lusofonía". "Para o alumnado o xornal xa é unha referencia como medio informativo e de coñecemento da lingua", sentencia Irene Santiago.

Titulares, conectores e refráns

O alumnado de 2º da ESO do IES Torrente Ballester manexou durante dúas horas o número 20 de Nós Diario. Un exemplar que lles permitiu achegarse á realidade do sistema de ensino universitario, no seu editorial; ao mundo da lusofonía, a través das páxinas de cultura, á importancia do refraneiro galego, baixo o mapa do tempo, e á actualidade do día en cada unha das seccións do xornal.

"Para o alumnado, Nós Diario xa é unha referencia como medio informativo e de coñecemento da lingua".

Despois de repasalas todas e definir as diferentes partes dunha noticia aproveitando os recursos da web, cadaquén escolleu a súa nova, seguindo as instrucións das profesoras. A primeira tarefa consistiu en sinalar, no texto, os conectores lingüísticos que traballaron na aula: conectores causais, consecutivos, explicativos, de orde, de contraste.

Máis tarde, tocoulles elixir e recortar palabras chave de diferentes titulares co obxectivo de crear un título novo para unha noticia que non acabaron de redactar e que se comprometeron a entregar nas vindeiras datas. "E quédanlles os encrucillados mais todas as actividades que lles suxira Nós Diario", recomenda Santiago.