Feminismos, videoxogos e a primeira retransmisión de 'e-sports' en galego

Cartaz da terceira edición do seminario Co(M)xénero (Grupo de Estudios Audiovisuais da USC)
A terceira edición do seminario Co(M)xénero abordará os estereotipos e a situación da muller nos videoxogos. Terá lugar na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela os días 18 e 19 de novembro.

O seminario Co(M)xénero da Universidade de Santiago de Compostela abordará na vindeira semana os estereotipos e a situación da muller nos videoxogos. Durante dúas xornadas sucederanse intervencións, análises, obradoiros e mesmo a retransmisión en galego dunha partida de eSports, unha modalidade de videoxogo en liña que conta na actualidade con ligas e equipos de xogadoras e xogadores a nivel profesional.

Os días 18 e 19 de novembro danse cita na Facultade de Ciencias da Comunicación docentes, artistas ou divulgadoras para contar con voz propia as súas experiencias e analizar as formas nas que o sexismo persiste, tanto no sector como nas comunidades de xogadoras.

Nesta terceira edición de Co(M)xénero, dirixida polas profesoras Margarita Ledo e Marta Pérez,  participan Nieves R. Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC e Premio Nacional de Informática 2019;  Dhaunae de Vir, experta no desenvolvemento de iniciativas transmedia en Paradox Interactive; María Fernández, creadora de escenarios virtuais en videoxogos e embaixadora de Women in Games (Mulleres en videoxogos); ou Marina Amores, comunicadora especializada no sector e en xénero e coordinadora do proxecto Protesto!, videoxogos desde unha perspectiva de xénero.

A maiores o seminario contará con sesións de proxeccións e debates que abordarán os xeitos nos que o sexismo conéctase e canalízase na creación dos videoxogos, e tamén fóra deles. Tamén se levarán a cabo obradoiros sobre estereotipos para aprender a deseñar videoxogos “para todos e todas”. Correrán a cargo de Luz Castro, docente no grao de Creación dixital, animación e videoxogos e no mestrado de Creación, desenvolvemento e comercialización de videoxogos; Beatriz Legerén Lago, docente na Facultade de Comunicación e Ciencias Sociais da Universidade de Vigo polo itinerario de novos medios; e a investigadora Olaia Ferrando.

Partida de e-sports en galego

No marco do seminario, o día 19, un grupo de xogadoras galegas mediranse cun equipo competitivo estatal nunha exhibición do videoxogo Overwatch no auditorio da facultade. Será a primeira partida deste xénero retransmitida en galego, coa participación dos comentaristas Javier Martínez Vidal (Gamer Vidal) e Minia Samku Monteagudo, integrantes da empresa Titan Media.

A formación en feminismos e videoxogos cobra cada vez máis relevancia na Galiza. O seminario Mulleres detrás dos videoxogos, tomamos o control? celebrouse no mes de abril na Universidade da Coruña, que conta cun grao e un mestrado especializados no deseño de videoxogos.