As galegas baixan da mobilidade sostíbel empurradas pola crise sanitaria

Un autobús circula polo concello de Culleredo. (Foto: Nós Diario)

O transporte urbano perdeu un 33% dos seus usuarios desde que comezou a pandemia da Covid-19 na Galiza. Este tipo de mobilidade colectiva estaba en aumento, reducindo o número de vehículos privados nos núcleos principais dos concellos, cando o coronavirus deu ao traste coa consolidación das cifras.

O transporte urbano está a sufrir unha importante crise derivada da situación sanitaria actual. Malia que a baixada do número de usuarias deste servizo caeu é probábel que cando pase a Covid-19 se detecte un incremento pero tamén é posíbel que sexa preciso reeducar á poboación galega sobre as vantaxes deste método de mobilidade.

As cifras non enganan. Segundo un estudo realizado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e publicado nestes días, no primeiro trimestre deste ano só 8.936 persoas na Galiza fixeron desprazamentos en autobús urbano.

Se ben é certo que a cifra podería considerarse elevada tendo en conta que, fundamentalmente, dispoñen deste tipo de transporte as grandes cidades, a realidade é que houbo unha caída moi notábel en tan só un ano.

A evolución en negativo foi de case un 33% do global con respecto ao período de tempo comprendido entre os meses de xaneiro e marzo do ano pasado. E iso tendo en conta que no 2020 o medo a circular en autocares cheos de xente xa se detectou no mes de marzo a tenor da caída de pasaxeiras.

Galiza só estaría por enriba de Murcia, Estremadura e Castela-A Mancha en demanda de prazas de autobús

Así, se en febreiro viaxaron nesta infraestrutura 5.228 persoas, tan só un mes despois (coas primeiras novas do coronavirus no país) o número ficaba en 2.720 individuos. Cabe lembrar que os primeiros infectados chegaron á Galiza en medios de transporte coma o autobús doutros territorios como pode ser Madrid, de onde procedía un dos primeiros enfermos dos que se tivo noticia.

Coas estatísticas actuais, daqueles territorios do Estado español que entran no cómputo do INE, Galiza só estaría por enriba de Murcia, Estremadura e Castela-A Mancha en demanda de prazas de autobús para moverse polos grandes núcleos urbanos.

Dáse a circunstancia de que, segundo a tendencia que se reflexa nos datos almacenados pola institución oficial, nos últimos cinco anos a aposta por deixar o coche particular na casa e ir en autobús medrada e había unha certa consolidación das cifras.

Algunhas das grandes cidades foron gañando espazo para os peóns que dificilmente volverán reverter en favor do tráfico rodado

Tanto é así que en 2017, só nos tres primeiros meses do exercicio, elixiron o transporte colectivo nos límites urbanos 15.388 persoas e en 2019 xa foron máis de 15.700 clientes. En consecuencia, a redución de 2021 con respecto a 2017 abeirou o 42%.

Un 43% en relación ao último ano sen pandemia

Aliás, en relación a 2019 o cómputo de evolución en negativo do número de viaxeiras e viaxeiros entre a cidadanía galega foi dun 43%. Este cambio de dinámicas, pola coincidencia no tempo coa pandemia, semella responder ás recomendacións sanitarias, a precaución e mesmo ao medo a contaxiarse.

Mais se a xente colle por costume viaxar soa no turismo persoal por unha cuestión de saúde, cando pase o coronavirus quedará unha importante labor de reeducación por facer no país a prol da mobilidade sostíbel. De feito, tamén hai que ter en conta que nestes tempos de distancia sociais algunhas das grandes cidades foron gañando espazo para os peóns que dificilmente volverán reverter en favor do tráfico rodado.