Galardoan o investigador Ángel Carracedo co Premio Otero Pedraio 2022

O investigador Ángel Carracedo. (Foto: Nós Diario)
O xurado destacou a súa traxectoria médica e científica.

O investigador e catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo foi recoñecido co Premio Otero Pedraio 2022 pola súa traxectoria médica e científica, que o levou a ser recoñecido como un dos mellores xenetistas a nivel internacional.

A distinción do premio cultural máis lonxevo da Galiza foi dada a coñecer esta segunda feira tras a reunión do xurado dos galardóns, convocado pola Xunta e as catro deputacións.

O xurado enxalzou a figura "privilexiada" do investigador, nacido en 1955 no concello de Santa Comba e que ocupa desde 1994 a dirección do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago.

Traxectoria

Carracedo ten o título de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de xenotipado, ademais de ser presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica.

Tamén ocupa a vicepresidencia da Academia Internacional de Medicina Legal e a presidencia da International Society for Forensic Genetics. As súas investigacións céntranse na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica.

Así mesmo, a súa figura tamén se erixiu como un importante formador de novas xeracións de investigadores desde a Universidade de Santiago de Compostela (USC).