Loito polo pasamento do investigador Elixio Rivas

Os seus traballos de investigación etimolóxica son referentes nos estudos referidos a esta temática.
Elixio Rivas. (Foto: Vida Consagrada)
photo_camera O investigador Elixio Rivas. (Foto: Vida Consagrada)

O filólogo e etnógrafo Elixio Rivas Quintas, natural de Fondo de Vila (Xunqueira de Ambía), faleceu o pasado sábado aos 97 anos de idade deixando un legado inmortal que lle valeu numerosos recoñecementos e distincións; o máis recente, a Medalla de Ouro da Deputación de Ourense (2019).

Entre os numerosos traballos de Rivas destacan a restauración da ermida de San Mamede, a creación da Aula da Natureza no Caudillo, os traballos a prol da restauración do Camiño Mozárabe de Santiago ou a creación e restauración das pezas do Museo Etnográfico situado en Montemedo.

A Deputación deu conta do seu pasamento na tarde do domingo e lembrouno como "unha figura fundamental desta provincia, á que axudou á súa propia autocomprensión grazas a unha vida completamente adicada á investigación".

Especialista en toponimia, a súa tese de doutoramento sobre esta materia e os seus traballos de investigación etimolóxica son un referente nos estudos universitarios referidos a esta temática.

Rivas tamén foi membro da Comisión de Toponimia da Xunta da Galiza desde 1978 e fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica da Universidade de Santiago, así como correspondente da Real Academia da Historia.

Aliás, hai xusto un ano Nós Diario distribuía para as persoas lectoras un coleccionábel sobre a onomástica galega no que se contou, entre outros, co traballo de investigación de Elixio Rivas.

Comentarios