As gaivotas galegas ameazadas polo surto de botulismo

Aumenta o número de aves mortas por botulismo na Galiza. (Foto: Adega)
As mortalidades de aves acuáticas pola doenza xa son recorrentes

Desde hai dúas semanas véñense recollendo no encoro de Vilagudín, entre Ordes e Cerceda, unha media diaria de 20 gaivotas mortas aparentemente por causa do botulismo, doenza causada pola bacteria Clostridiu botulinum, e da cal xa se reportaron surtos no pasado.

A maior parte das aves afectadas son gaivotas pariamarelas, especie que está a experimentar un declive moi importante nas súas poboacións na Galiza.

Así o asegurou onte a asociación ecoloxista galega Adega nun comunicado de prensa. A asociación asegurou que, ante este novo surto, a Xunta ordenou a veda de pesca no encoro de Vilagudín "até determinar as causas do episodio e o seu impacto".

Esta medida adoptada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a pesar de ser necesaria, asegurou Adega, "é insuficiente". A asociación alertou de que os episodios de mortalidade de aves e outra fauna causados, presuntamente, por botulismo, que a Xunta cualifica de "extraordinarios, estanse a producir "de forma recorrente ano tras ano na zona", segundo ten constancia Adega.

A mortalidade das aves estase a producir de forma recorrente ano tras ano

Ademais, insistiron en que se está a "estender a outros lugares encorados do noso territorio" sinalando que "na segunda semana de setembro, outras gaivotas con síntomas de botulismo foron detectadas noutras áreas, como Noia e o encoro de Abegondo-Cecebre, e gaivotas mortas nas proximidades da Coruña e do Barbanza.

"Como novidade, detectáronse tamén varios mamíferos mortos en Vilagudín, quizais afectados por alimentárense de gaivotas mortas por botulismo", sinalou a asociación.

Detectáronse tamén varios mamíferos mortos en Vilagudín, quizais afectados por alimentárense de gaivotas mortas por botulismo

Ademais, a asociación mativo que "noutro suposto, podería ser que exista unha vertedura dalgún tipo de residuo orgánico, quizais procedente dalgunha industria da contorna do encoro, onde esta bacteria se ten identificado en numerosas ocasións".

Por todo isto, Adega instou á Xunta a que realice unha inspección minuciosa dos vertedoiros galegos, en especial do macrovertedoiro da Areosa, en Cerceda, como posíbel foco da doenza. Ademais, reclamaron que se destinen os recursos técnicos e económicos necesarios para facer fronte á atención do elevado número de gaivotas e outras aves afectadas nos centros de recuperación de fauna salvaxe.