Da man de Unicef

Gadis e a súa clientela recadan 125.000 euros para axudar o pobo ucraíno

Será Unicef quen xestione os 125.000 euros para Ucraína. (Imaxe: Gadis)

Gadis e a súa clientela recadaron 125.000 euros na campaña de axuda a Ucraína que a cadea de supermercados puxo en marcha en colaboración con Unicef.

Segundo informou o grupo de distribución alimentaria, ascenden a 125.000 euros os fondos recadados na campaña de axuda a ucraína que Gadis desenvolveu coa colaboración de Unicef.

Precisamente, será a Axencia de Nacións Unidas para a Infancia quen se encargue de xestionar esta achega que, fundamentalmente, irá destinada a facilitar o acceso a auga potábel, medicamentos, equipos médicos, kits de hixiene e apoio psicosocial á infancia máis vulnerábel.

Coa cantidade económica recadada, Unicef pode facilitar auga potábel a 328.498 nenos e nenas, informa Gadis nun comunicado enviado aos medios de comunicación.

"Grazas aos nosos clientes por demostrar, unha vez máis, a súa gran xenerosidade e sensibilidade. Entre todos, achegamos o noso gran de area para tratar de paliar unha situación de emerxencia, e non sería posíbel sen o seu apoio", puxo de manifesto Melisa Pagliaro Fernández, directora de Marketing e RSC de Gadisa Retail.

Pola súa parte, o director de Comunicación de Gadisa Retail, José Luis Fernández, e a coordinadora de RSC e RRPP, Lucía Santos, entregaron o cheque por valor de 125.000 euros a Myriam Garabito e Irene Marín, presidenta e coordinadora, respectivamente, de Unicef na Galiza.