Detectan un veciño de Camariñas con máis de 60 quilos de peixe ilegal

Peixe incautado pola Garda Civil (Foto: Garda Civil).
Segundo informou a Garda Civil,unha furgoneta con peixe ilegal foi interceptada na estrada AC-432, que une Vimianzo e Camariñas.

O Servizo Marítimo da Garda Civil da Coruña incautou a un veciño de Camariñas, na comarca da Terra de Soneira, 61,75 quilogramos de peixe capturados de forma ilegal.

Segundo informou a Garda Civil, os feitos sucederon cando efectivos da mencionada unidade interceptaron na estrada AC-432, que une Vimianzo e Camariñas, unha furgoneta con diferentes especies de peixe sen que o seu ocupante achegase a documentación necesaria para o seu transporte.

Ante esta situación, os axentes acompañaron ao condutor da furgoneta até o Porto da Coruña para proceder a unha inspección máis exhaustiva da mercadoría e á súa pesada.

Alí procederon á incautación de 55,15 quilogramos de robaliza que era transportada sen documento algún que garantise a súa procedencia, trazabilidade e identificación.

Ademais, o veciño de Camariñas tamén transportaba 4,75 quilos de polbo de exceso sobre os cinco que amparaba o documento de transporte expedido polo pesqueiro.

Tamén lle foron incautados 2,25 quilos de nécora, xa que dos 14,15 que transportaba unicamente 12 estaban amparados por dous documentos do pesqueiro.

Por estes feitos, a Garda Civil procedeu ás correspondentes actas de denuncia por supostas infraccións á Lei de Pesca da Galiza.

A robaliza e o polbo foron entregados á Asociación Benéfica Pai Rubinos da Coruña, mentres que a nécora que se atopaba con vida foi devolta ao mar.