A Fundación Franz Weber urxe a entrada en vigor das propostas de convivencia animal do acordo alcanzado entre PSdeG e BNG na Coruña

As persoas propietarias de mascotas deben ter durante toda a vida do animal un seguro de responsabilidade civil. (Foto: Nós Diario)

BNG e PSdeG asinaron esta sexta feira, 24 de novembro, un acordo para o orzamento da cidade herculina

A Fundación Franz Weber (FFW), ONG para a protección da flora e a fauna, valorou de forma positiva e pediu a instaurar inmediata dalgunhas das medidas propostas no acordo orzamentario entre o PSdeG e o BNG do Concello da Coruña, relacionadas coa convivencia, protección e benestar animal.

A fundación recoñeceu nun comunicado o "compromiso para crear campañas de sensibilización e mellorar infraestruturas" e incidiu en que estas campañas de tenencia responsábel de animais de compañía, así como o Plan de mellora das áreas caninas e o acondicionamento da cala de Bens son "moito máis" do que se realizou no pasado mandato, onde non se fixo "nin unha soa campaña para fomentar a adopción ou o bo trato animal".

Desde a FFW cren que este "compromiso renovado" pode ser positivo, e é por iso que pediron instaurar "canto antes" as propostas de ambas as formacións políticas que eran, segundo din, unha "reclamación case constante das coruñesas e coruñeses".

Aínda así, desde a ONG consideran que se deixan cousas por facer, como unha ampliación do programa de xestión ética das colonias felinas, ou a mellora das instalacións da canceira municipal, así como a formación de persoal municipal en materia de benestar animal, unha formación que noutros concellos como o de Arteixo xa comezou a aplicar.

375 millóns de euros

Os grupos municipais do PSOE e BNG alcanzaron un acordo sobre os orzamentos de 2024, que ascenderán a 375 millóns de euros e que priorizarán os barrios, segundo informaron en rolda de prensa a alcaldesa, Inés Rei e o portavoz nacionalista Francisco Jorquera, tras a sinatura do mesmo.

"Uns orzamentos que serán progresistas, necesarios para manter e ampliar o impulso que A Coruña colleu desde 2019", dixo a rexedora en relación á chegada da formación socialista ao Goberno municipal. Ademais, incidiu en que serán "progresitas" porque "buscarán apoiar ao que máis o necesita e mellorar a cidade en todos os seus barrios".

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, manifestou que é "un bo acordo", aínda que admitiu que se o BNG liderase o Goberno local "os orzamentos serían distintos, mais toda negociación implica buscar os puntos de encontro".