A Fundación Francisco Franco anuncia unha "dura loita" se o Goberno estatal a intenta ilegalizar

Varias persoas realizan o saúdo fascista ante o panteón da familia Franco (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
Así o fixo o director da Fundación Francisco Franco, o xeneral Juan Chicharro, despois de que o ministro español de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, asegurase que a organización está nos seus "últimos días" e que o Executivo estatal quere "extinguila".

A Fundación Francisco Franco advertiu esta sexta feira o Goberno estatal de que se enfrontará a unha "dura loita" nos tribunais se acomete calquera medida que a extinga, que entenden como a pretensión de "calalos", á vez que denunciou que usan a Franco (ex ditador do Estado español) para "desviar a atención".

Así o fixo o director da Fundación Francisco Franco, o xeneral Juan Chicharro, despois de que o ministro español de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, asegurase que a organización está nos seus "últimos días" e que o Executivo estatal quere "extinguila".

Chicharro cre que os plans do Executivo estatal non chegarán a materializarse porque significaría "violentar" o artigo 22 da Constitución, que recoñece o dereito de asociación. Segundo defende, o Goberno español tería primeiro que "reformar" a Carta Magna.

Lei de Memoria Democrática

Do mesmo modo, avisou de que non poden extinguir a fundación a través dun real decreto lei, "que é o que pretenden", porque o dereito de asociación é un dereito fundamental. Nesta liña, lembrou que a organización retocou os seus estatutos en xuño do ano pasado para acomodalos á Lei de Memoria Democrática, e sostivo que a organización cumpre coa norma.

Así, o xeneral augurou "unha dura loita" nos tribunais se o Goberno estatal segue adiante na súa pretensión de "calalos". Chicharro sostén que o labor da Fundación Francisco Franco é necesaria para achegar á cidadanía a "obra social" levada a cabo na ditadura.

Así mesmo, afirma que a organización ten por obxectivo que se coñeza que o "obxectivo" do réxime era a "prosperidade" e a "orde". Por último, Chicharro acusou ao Goberno español de querer "desviar a atención" dos seus problemas "usando" a figura de Francisco Franco.