Equipara a ocupación do edificio ao referendo de Catalunya

Fundación Francisco Franco pide un "xusto castigo" aos "culpábeis do asalto" ao Pazo de Meirás

Nun comunicado en que salientan que "a lei debe pesar máis que a democracia", a asociación fascista anuncia que fará  "todo o que estea na súa man para garantir que os asaltantes ao Pazo de Meirás reciban o seu xusto castigo de acordo coa Lei".

 

 

ocupa
photo_camera O grupo que "tomou" o pazo despregou unha faixa xigante: "Franquismo Nunca Más. Que nos devolvan o roubado"

A lei debe prevalecer sempre sobre a democracia, así o defende a Fundación Francisco Franco, como se aquela non tivese que responder sempre aos procedimentos fixados por esta. 

Nun comunicado pendurado na súa web, a institución criada para facer apoloxía da ditadura pide "a aplicación do peso da lei aos culpábeis do asalto ao Pazo de Meirás, ben como aos culpábeis da sedición do Parlamento rexional catalán". Equipara así o acto de ocupación do imóbel espoliado polos fascistas en 1938 coa realización do referendo de autodeterminación de Catalunya.

A toma simbólica do Pazo de Meirás produciuse o pasado 30 de agosto e nela participou un grupo de activistas pola memoria histórica e, entre eles, dirixentes do BNG e da CIG. A Fundación Francisco Franco pon no seu albo estas organizacións do nacionalismo galego, ás que se refere co seu nome deturpado: Bloque Nacionalista Gallego e Confederación Intersindical Gallega (sic).

A ocupación perseguía alimentar o debate social a prol da restitución ao público dun Pazo cuxa doazón á Familia Franco foi organizada polas elites franquistas da cidade da Coruña en 1938. Non foi unha dávida, foi produto dunha extorsión masiva da que foron vítimas miles de coruñesas e coruñeses.

Varias das persoas que participaron na ocupación foron identificadas por efectivos da Garda Civil, no interior do propio Pazo, e puideron abandonar o predio propiedade dos Franco sen ningún tipo de incidencia.

Para a Fundación Francisco Franco, o relevante da toma simbólica do Pazo non é "o asalto en si mesmo" -dado que, argumenta, o respeito que a "esquerda española" ten pola legalidade é nulo-, senón "a resposta perante o devandito asalto: con significativas, pero contadas excepcións, unha ampla maioría das organizacións políticas e mediáticas españolas tomou a decisión de non condenar o flagrante delito cometido".

Comentarios