Ensino

A Fundación Caixa Rural Galega convoca a III edición de bolsas para estudos pos graduado

Tomás Notario Vacas, Manuel Varela, Salvador Diz, Alberto Cepeda e Antonio Riveira, do Padroado da Fundación.

Son dúas bolsas cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha.

Un ano máis a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaba de facer pública a terceira edición das bolsas para estudos de posgrao. En concreto convócanse dúas bolsas cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha para o estudo dun mestrado nunha universidade de recoñecido prestixio, quer no estado ou no estranxeiro.

A contía da bolsa poderá utilizarse para cubrir gastos de matrícula e aloxamento. O importe  final dependerá da localización do centro no que se realicen os estudos e do custo do programa do mestrado.

Para poder optar a algunha das bolsas, os solicitantes deberán ter un título universitario, ter vinculación coa Galiza, podendo ser estudantes recentemente licenciados ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade.

Criterios

A selección dos bolseiros basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior prevista.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, creada en outubro de 2021, ten como obxectivo contribuír a promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal e con especial atención aos estudos superiores.

Todo iso co propósito, afirma, de perseguir a excelencia e especialización os profesionais presentes e futuros para que iso poida reverter no progreso e a mellora das actividades produtivas da Galiza.

Entre as súas prioridades está a convocatoria de bolsas para a realización de estudos superiores ou mestrado coa finalidade de formar a profesionais nos centros máis vangardistas co propósito de que poidan achegar coñecemento ao tecido industrial galego.

O prazo de solicitude estará aberto até o 31 de maio e as solicitudes, do mesmo modo que as bases desta convocatoria, poderán atoparse na páxina web www.fundacioncruralnotario.gal no apartado de convocatorias.