Caixa Rural Galega gañou 6,3 millóns de euros en 2021

A cooperativa de crédito presidida por Manuel Varela superou o pasado ano os 1.740 millóns de euros en activos após crecer 18% respecto a 2020.
Caixa Rural Galega convocou este sábado a súa Asemblea Xeral (Foto: Nós Diario).
photo_camera Caixa Rural Galega convocou este sábado a súa Asemblea Xeral (Foto: Nós Diario).

Caixa Rural Galega celebrou onte a súa Asemblea Xeral anual, na que aprobou as contas do exercicio 2021, no que acadou un beneficio neto de 6,32 millóns de euros, o que supón 10% máis con respecto ao ano anterior. 

A cooperativa de crédito presidida por Manuel Varela suma así nove anos consecutivos medrando en beneficios, concretamente desde o ano 2013, que supuxo o primeiro exercicio con incremento de resultado neto após a crise financeira de 2008.  

As contas recollen uns activos que superan os 1.740 millóns de euros e que supoñen un crecemento do 18% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes superan os 1.500 millóns de euros e a inversión crediticia acada perto de 768 millóns de euros, o que supón para ambas as partidas crecementos de 20% e 11%, respectivamente.

A morosidade pechou o exercicio en 2,65%, cunha baixada de perto de un punto respecto do exercicio anterior, na liña dos últimos anos, mentres que a ratio de solvencia acada 15,24%, cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador.

Útil para a xente 

Manuel Varela, presidente da entidade, recoñeceu que o "avance impasíbel" da tecnoloxía afectou especialmente ao colectivo da xente maior, que se sentiu inxustamente tratada nun servizo fundamental como é a banca. A este respecto, indicou que o primeiro obxectivo de Caixa Rural Galega é serlle útil á xente, sempre sen abandonar a senda da rendibilidade para poder seguir medrando.

Sobre os resultados, salientou que Caixa Rural Galega volve presentar cifras récord, tanto en investimento crediticio como en depósitos, con crecementos sostíbeis ano tras ano, e abundou que "é no crecemento destes últimos no que se pode ver a confianza que os clientes veñen depositando na entidade".

Ao remate da reunión, e en nome do Consello Reitor, Manuel Varela trasladou un especial agradecemento aos empregados e empregadas da caixa polo seu esforzo para superar este ano "cheo de contrastes, vaivéns e dificultades", ás que animou a continuar construíndo o proxecto "todos xuntos, coa mesma confianza de sempre".

Comentarios