A Xunta difumina as causas do lume nun verán no que Galiza ardeu o dobre que en 2019

Gardia Civil do Servizo de Protección da Natureza investigando un incendio (Imaxe: Miteco)
O 1 de outubre remata a temporada de alto risco de incendios, na que os lumes afectaron 13.467  hectáreas segundo os informes da Administración galega. Os responsábeis da política forestal continúan a ligar esta problemática aos incendiarios, con quen prometen ser "implacabeis". Porén, esta visión adoita deixar de lado os motivos que levan unha persoa a prender lume, que non sempre se reducen a causar dano. Investigadores e técnicos convidan a afondar nos problemas sociais que o fume pode chegar a ocultar. 

Lume sobre queimado e cinza sobre negro. É a pegada que deixa a temporada de alto risco de incendios forestais que remata hoxe. A falta de que a Consellaría de Medio Rural faga un reconto dos focos e hectáreas de terreo afectados, os informes que difunde no seu portal dan conta dunhas 13.467 hectáreas tocadas polas lapas. Case o dobre que en 2019, con 6.837. Porén, a Xunta non informa de todos os incendios que se detectan, polo que o cómputo total podería ser máis alto.

"Foi unha campaña negra pola traxedia reiterada de territorio queimado no Macizo Central, en Cualedro ou Manzaneda, que volveron arder. Tamén pola traxedia do accidente dun hidroavión en Lobios, na que faleceu un compañeiro", resume o técnico forestal da Xunta da Galiza e delegado da CIG Xabier Bruña. 

Impotencia da veciñanza

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, os distritos que máis arderon entre 2007 e 2018 son tamén os que concentran dous tercios dos incendios este verán. Son o distrito XIV Verín A Limia, no que as lapas se espallaron por 5.529,18 hectáreas de terreo; o XII Valdeorras-Trives, no que arderon 2.304,8 hectáreas; e mais o XV A Limia, que suma nos informes da Xunta 3.042,6 hectáreas tocadas polas lapas.

Para a veciñanza é terríbel, a nivel emocional xérase unha indefensión aprendida, din María Xesús Blanco e Carmen García

A poboación a dos territorios que abranguen está afeita a presenciar como o territorio arde unha e outra vez. "Para a veciñanza é terríbel, a nivel emocional xérase unha indefensión aprendida ante un problema sobre o cal non hai capacidade de facer nada”, explican a Nós Diario María Xesús Blanco e Carmen García, integrantes de Adega Monterrei. "Desde pequenas, os lumes eran o normal dos nosos veráns", engade a segunda.

Ambas as dúas aluden a unha sensación de "mal endémico" que se estende cada vez que as lapas volven prender. "É realmente desesperanzador", contan. "Por desgraza, a xente xa ve como algo habitual que se produzan lumes nestas zonas, xa o agardan, por dicilo dalgunha maneira", apunta o enxeñeiro Alberto Freitas, veciño de Verín e colaborador de Adega. 

A xente xa ve como algo habitual que se produzan lumes nestas zonas, apunta Alberto Freitas

Incendiarios previsíbeis

Desde a Xunta da Galiza tamén fixeron mención á previsibilidade dos incendios no verán e, nomeadamente, á actividade incendiaria. En setembro, o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, manifestou nunha entrevista coa televisión pública galega que "xa se prevía unha forte actividade incendiaria" nese mes e no Macizo Central.

Na semana da súa intervención ante as cámaras, arderon 2.000 hectáreas no concello de Lobios que afectaron ao parque natural do Xurés; 1.300 no municipio de Cualedro, onde un incendio previo calcinara outras 1.535 hectáreas este verán. E en Chandrexa de Queixa un foco deixou 850 hectáreas afectadas polas lapas.

"A intencionalidade dos incendios na Galiza xa é un clásico", afirmou o presidente da Xunta da Galiza, o popular Alberto Núñez Feixoo, neses días. 
As declaracións e os comunicados en relación á actividade incendiaria do conselleiro de Medio Rural, José González, intensificáronse a medida que avanzaba o verán. "Responderán polos seus delitos con penas de cárcere e co seu patrimonio, pagarán co que teñan os gastos de extinción", afirmou no pleno do Parlamento do 23 de setembro.

González mantén así unha vía de actuación que a súa Consellaría iniciou hai anos. Tras a terríbel vaga de incendios de 2017, Medio Rural repetiu a súa campaña "Eu son cortalumes". "Facerse cortalumes significa actuar coa máxima precaución no monte, adoptar prácticas respectuosas coa natureza, avisar a través do teléfono 085 dos incendios dos que se teña coñecemento e, sobre todo, denunciar os incendiarios", informou o departamento en xuño de 2018.

Porén, estes discursos non afondan nas intencionalidades que procuran denunciar. E, paralelamente, deixan de lado as múltiples dimensións do problema dos incendios. A realidade económica das áreas máis afectadas, co abandono das explotacións agrarias ou gandeiras das áreas, ou as dinámicas sociais da veciñanza.

Afondar nas causas

"O lume leva moitos anos presente, empregado de maneiras distintas, como ferramenta de traballo agrícola, elemento de protesta ou para chamar a atención", di Xabier Bruña, que na súa tese de doutoramento investigou sobre a participación social na prevención de incendios.

O conselleiro de Medio Rural salientou en numerosas ocasións a necesaria colaboración cidadá para frear "a ameaza" dos incendiarios. Bruña vai moito máis aló cando se refire á participación social. "En vez de criminalizar as persoas temos que acompañalas na procura doutro camiño que non sexa o incendio", propón.

Debaixo das lapas subxacen problemas sociais, advirte Juan Picos

Unha achega similar á do director da Escola Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos. "Penso que isto supera a cuestión da maldade, de causar un mal. Debaixo das lapas subxacen problemas sociais. Hai conflitos por lindes, rexeneración de pastos, a motivación de afastar especies coma o xabaril ou o lobo ou mesmo unha protesta pola falta de servizos do rural", enumera a Nós Diario
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da quinta feira, día 1, nos quiosques ou na nube]