Fruga carga contra o “fracaso anunciado” da política agraria e forestal da Xunta

Plantación de eucaliptos na Fonsagrada aproveitando a moratoria da Xunta. (Foto: Europa Press)

En relación aos incendios forestais, a Federación Rural Galega pon de manifesto o “fracaso anunciado” das políticas “agrarias e de monte” levadas a cabo por parte do PP á fronte do Goberno galego desde 2009.

Fruga explica que son “múltiples e diversas” as causas que están na orixe dos incendios e advirte de que cómpre ter en conta “novos factores como o do cambio climático”. Porén, fai fincapé en que “todo o mundo está de acordo” no “abandono do rural” e na “aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido”. Uns factores que, denuncia Fruga, “están entre as causas que mais inflúen nas vagas de incendios que ano após ano arrasan” a Galiza.

A través dun comunicado de prensa, Fruga lamenta que “un ano máis” o lume se propague “por numerosas comarcas do noso rural, co agravante de que cada vez a extensión de territorio que se ve afectada por esta praga é maior, se as condicións climáticas son desfavorábeis”. “Non pasa así en anos con condicións climáticas mais benignas”, engade.

A política posta en práctica polos Gobernos do PP “viñeron agravar aínda máis a situación ao propiciar o abandono do rural ao non pór os medios necesarios para garantir unha vida digna de quen vive no rural e para facer da actividade agropecuaria unha profesión con futuro”.

Denuncia tamén que a Xunta opta “pola plantación masiva de especies pirófitas para beneficiar empresas que gozan da súa protección e promoción”, en alusión ao monocultivo de eucalipto e a Ence.

Eliminación das Unidades de Xestión Forestal

Fruga critica que coa volta no PP ao Goberno galego en 2009 “elimínanse as Unidades de Xestión Forestal”, un instrumento, destaca a federación, que pretendía achegar unha maior rendibilidade das actividades realizadas no monte, así como a sua ordenación.

Tamén advirte de que os Executivos do PP favoreceron “a plantación de grandes extensións sen a obriga da existencia de leiras con outros cultivos”. En definitiva, agrega, “a desorde”.

Así mesmo, censura que o PP introducira, no ano 2012, “modificacións na Lei de incendios de 2007, mediante as que se reduciron as distancias mínimas das franxas de xestión de 50 a 30 metros, que nin tan se quera se están a cumprir”.

A maiores, recolle Fruga na nota de prensa, “neste ano, especialmente caloroso, hai que acrecentar a falla de planificación organizativa por parte da Xunta, que se manifesta na falta de medios técnicos e humanos, xa que nestes precisos momentos a metade das brigadas helitransportadas aínda se encontran facendo os cursos preparatorios, ou que unha boa parte das brigadas municipais están sen contratar”.

A Fruga propón un paquete de medidas

Neste contexto, a Federación Rural Galega empraza o Executivo de Alfonso Rueda a dotar a Xunta dun “servizo público capacitado para actuar na prevención e loita contra incendios ocasionados nos montes galego”, a “asegurar a viabilidade e continuidade das explotacións agropecuarias afectadas por estes lumes” e a aprobar “indemnizacións e axudas inmediatas para todas as persoas afectadas”.

Tamén o insta a “vixiar” para que “non se produzan operacións especulativas e de acaparamento de terras nas zonas afectadas polos incendios” e a “asumir as súas responsabilidades políticas”.