Fronte común Galiza-México contra a mina de litio de Doade: a emigración protesta ante a visita do conselleiro

O conselleiro de emprego, José González, xunto a Alfonso Martínez e o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Miranda, en Cidade de México este primeiro de maio, onde a emigración galega rexeitou a Mina de Doade. (Foto: Nós Diario)
Asistentes á Jira Campestre mexicana amosaron o seu rexeitamento á mina de litio de Beariz (comarca do Carballiño).

Cada ano o Centro Galego Tláhuac, en Cidade de México, celebra a Jira Campestre do primeiro de maio. Nese centro galego son maioría emigrantes procedentes da zona de Beariz (comarca do Carballiño) e residentes en México. O novo proxecto para a implantación dunha mina de litio, a Mina de Doade, ten en pé de guerra a veciñanza da zona e tamén agora as súas veciñas e veciños emigrados a México.

Na Jira deste primeiro de maio estaban presentes o conselleiro de Emprego, José González, e o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Miranda. Os asistentes converteron o evento deste ano nun acto reivindicativo en contra da mina de litio. Fixeron faixas coa mensaxe "Mina Doade Non" e comezaron unha campaña de recollida de sinaturas contra o proxecto da explotación de litio en Beariz que anexarán nunha carta conxunta aos alcaldes da Lama, Avión, Beariz, Forcarei e Cerdedo-Cotobade.

Trátase dun documento no que a veciñanza das zonas afectadas –tanto os residentes na Galiza coma os seus veciños que viven en México– expresan o seu rexeitamento ao proxecto declarado estratéxico pola Comisión Europea e capitaneado polo grupo empresarial zaragozano Samca para a explotación dunha mina de litio na zona.

A veciñanza ten amosado o seu rexeitamento a un proxecto que xa foi rexeitado pola Xunta de Galiza no ano 2020, pero que volve agora a planear sobre a zona logo da declaración da UE.

Son moitos os veciños e veciñas destes concellos afectados directamente pola mina de Doade que viven en México, onde emigraron, pero que manteñen un estreito vínculo co seu lugar de orixe e que diante do proxecto de apertura desta mina e os seus previsíbeis impactos sobre a zona, veñen de constituír unha "fronte común Galiza-México" para parar a mina, segundo explicaron a Nós Diario membros da Plataforma Sos Suído.