Froilán Pallín Seco, secretario xeral de Adega: "A regulación das portas xiratorias non funciona"

O ecoloxista Froilán Pallín Seco (Foto: Nós Diario).
Froilán Pallín Seco é o secretario xeral da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega). Con motivo das mobilizacións de Eólica, Así Non deste domingo, analiza o proceso actual de desenvolvemento do sector no conxunto do territorio galego e explica a decisión dos ecoloxistas de denunciar a Xunta perante a Fiscalía.

Adega vén de presentar unha denuncia na Fiscalía contra a Xunta por “eximir” do pago de 11,6 millóns de euros a empresa Greenalia, cre que houbo trato de favor por parte do Goberno galego a esta empresa?

Nós descoñecemos se houbo ou non trato de favor a unha empresa concreta. A existencia dun trato de favor implica en si mesmo desigualdade a respecto doutros que se atopan nunha posición equiparábel. O que se deriva da resolución administrativa cuxo contido denunciamos é a comisión de graves ilegalidades, administrativas e probabelmente penais.

E o que resta é determinar se o mesmo proceder se levou a cabo a respecto doutros proxectos eólicos derivados do concurso público de 2010. En definitiva, cómpre saber se houbo trato de favor, asunto que sería grave. 

Pero se finalmente se demostra que o que aconteceu foi que por parte da Xunta da Galiza se adoptou a decisión política de non esixir a execución dos proxectos industriais ou o aboamento da súa monetarización, estariamos perante algo gravísimo, un verdadeiro escándalo sen precedentes. 

Sinalan no seu escrito diante do Ministerio Público que a Administración galega puido cometer delitos de malversación e prevaricación ao dar por boa a xustificación do plan industrial presentado por Greenalia. En que basean esta acusación?

Dentro das nosas finalidades como asociación ecoloxista non se atopa obviamente a persecución de delitos, pero non menos evidente é que se no ámbito da nosa acción atopamos condutas que poden ser prexudiciais para o medio ambiente e que ademais poden ser constitutivas de delito, entón debemos denuncialas, e iso é o que fixemos.

No propio escrito de denuncia indícase que do contido da resolución administrativa pode inferirse a posíbel comisión deses dous delitos, o cal se sustenta no feito de que non existe base legal algunha que permita modificar os plans industriais relativos ao concurso eólico de 2010, nin menos aínda dalos por executados perante unhas actividades que nada teñen que ver coas inicialmente propostas. Sen esquecer a práctica condonación a unha empresa privada dunha obriga de aboamento de case 12 millóns de euros á facenda galega.

Actualmente manteñen outros dous contenciosos coa Xunta, en relación coas autorizacións outorgadas a diversos parques eólicos de Greenalia en Bergantiños. En que estado se atopa o procedemento?

Efectivamente, Adega impugnou perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) as autorizacións administrativas outorgadas pola Xunta da Galiza e relativas aos proxectos eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural.

No caso dos dous primeiros, solicitouse pola nosa parte a suspensión cautelar da efectividade das autorizacións, que foi concedida. No caso de Monte Toural, estamos á espera de que a sala se pronuncie sobre a paralización. 

A sombra das portas xiratorias paira sobre Greenalia. Que valoración fai sobre a presenza da antiga conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato no consello de administración da compañía enerxética?

A valoración que merece pola nosa parte o feito de que se poida pasar dun cargo político relevante, como é o dunha conselleira, a un cargo directivo dunha empresa privada cuxa actividade teña que ver co ámbito competencial da Consellaría, é que as regulacións das portas xiratorias non funcionan, e se non se mudan é porque non parece que exista unha vontade política real de modificalas.

Un domingo de mobilizacións

O secretario xeral de Adega atende Nós Diario, tan só uns días antes das mobilizacións convocadas por Eólica, Así Non, plataforma da que fai parte, para este domingo, 11 de decembro. Desenvolverán actos de protesta nas zonas de máis presión eólica, con concentracións e marchas en localidades como A Baña, A Fonsagrada, Cecebre, Foz, Meira, Antas de Ulla, Coristanco, Mondoñedo, Moeche, Lugo, Becerreá, Vila de Cruces ou Pontevedra.

Eólica, Así Non denuncia que “estamos metidos de cheo nun novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e que agora vai a polas terras, montes, e mesmo polo mar, mentres que a pobreza enerxética aumenta e comarcas enteiras van camiño da desertización social e industrial". Reclama unha mudanza na política eólica da Xunta da Galiza e do Goberno do Estado.