Os Franco piden 81 anos de prisión para as 9 militantes do BNG que ocuparon simbolicamente a Casa Cornide

Toma simbólica da Casa Cornide na Coruña por militantes do BNG

O xuízo suspendeuse ao pedir a familia do ditador un aumento das penas para estas nove persoas: 9 anos de cárcere e 24.000 euros de multa para cada unha.

O 26 de setembro de 2017 un grupo de militantes do BNG tomaban simbolicamente a Casa Cornide, na Coruña, para denunciar o espolio franquista. Esta edificio, propiedade da familia Franco, é un antigo edificio señorial situado no casco vello da Coruña diante da Colexiata de Santa María do que se encaprichou Carmen Polo, a muller de Franco, e que en 1962 foi levada a poxa polo propietario, o Concello da Coruña. A poxa gañouna un personaxe clave no espolio de bens públicos e privados na Coruña e contorna iniciado nos anos da guerra e continuado durante toda a ditadura: Pedro Barrié de la Maza.

Esta terza feira estaba previsto que fose o xuízo contra as nove militantes nacionalistas acusados por reivindicar a devolución do patrimonio roubado por Franco, mais foi adiado ao pedir a familia un incremento das penas, engadindo á acusación os  delitos contra o honor ou a violación de morada. En total, 81 anos de prisión

No acto, o candidato pola Coruña e portavoz dos 19 de Meirás, Néstor Rego explicou que a vista foi adiada ao pedir a familia Franco un aumento de penas que pasarían a 9 anos de prisión e 24.000 euros por cada unha das persoas que en setembro de 2017 reivindicaron na baranda da Casa Cornide a devolución do patrimonio roubado polo ditador.

"Parécenos unha barbaridade desde o punto de vista político e xurídico e o que está a acontecer é a consecuencia de que as forzas do bipartidismo alentasen o ultra españolismo, esa reacción que agora toma corpo político tamén nestas eleccións", denunciou Rego.