Crise dos pellets | Entrevista

Francisco Pérez, mariscador de Noia: "Non hai ningunha axuda da Xunta, só palabras bonitas"

Francisco Pérez denuncia a crise do sector marisqueiro na ría de Muros e Noia. (Foto: Nós Diario).

Francisco Pérez (Noia,1975) é o presidente da agrupación de mariscadores e mariscadoras de a pé da Confraría de Noia. Significado defensor dos intereses do seu colectivo e da rexeneración da ría, analiza para Nós Diario a situación creada coa chegada dos pellets ao litoral, no marco dunha crise de fondo do sector.

—Cal é a incidencia dos pellets na ría de Muros e Noia e cales son as perspectivas para os próximos días sobre a chegada destes ao litoral atendendo o comportamento de correntes e ventos?
A ría de Muros e Noia é moi grande, por iso a incidencia é diferente segundo as zonas. Así, na área de Noia hai pellets pero nunha intensidade bastante inferior a Muros ou Queiruga (Porto do Son), onde hai zonas moi afectadas. Aínda así, a situación é preocupante porque non sabemos moi ben cal é a composición dos pellets, cal vai ser a súa evolución e non sabemos que consecuencias poden ter.

—Con que medios se conta nos concellos da ría de Muros e Noia para levar adiante os traballos de limpeza das praias e quen os está efectuando?
Nos concellos de Outes e de Noia os traballos de limpeza estanos realizando sobre todo as voluntarias e os voluntarios, as asociacións ecoloxistas e outras entidades de xente voluntaria que se encargan de ir ás praias a recoller os pellets. En Muros, o concello falou con algunha empresa e alí si que están facendo os traballos de limpeza esas empresas con voluntarios. En Porto do Son está traballando Tragsa e algunha empresa máis.

—Cinguíndose á crise provocada polos pellets, cales son as cuestións que máis lle preocupan neste momento?
O que máis nos preocupa a nós é que non se coñece moi ben a composición dos pellets. O que sabemos certo é que teñen distinta composición. Algúns sacos teñen plásticos, outros teñen plásticos con aditivos e outros teñen aditivos. A composición dos plásticos sabemos a que é pero a dos aditivos poden ser tóxicos ou non e a nosa preocupación é que sexan tóxicos.

—A actual crise dos pellets sobreponse a outra situación moi complicada para o sector do marisqueo. No seu caso víronse mesmo obrigados a ter que fechar a campaña case sen comezala. Que alternativas considera urxentes para reverter esta situación e recuperar a actividade marisqueira na ría de Muros e Noia?
O primeiro que hai que facer para recuperar a produción de marisco é rexenerar as rías. Nós comezamos a campaña que durou sete días para o marisqueo a pé e oito días para o marisqueo a flote, e vímonos obrigados a fechala o día 2 de novembro, e desde esa xornada o único que temos é a prestación de desemprego pola que cotizamos.

Por parte da Xunta da Galiza até o de agora non hai ningunha resposta, todas son boas intencións de que van preparar as ordes de axudas pero desde o día 2 de novembro non temos constancia de ningunha axuda. Non hai ningunha axuda da Xunta, só palabras bonitas.