Fracasa o primeiro intento de sacar o buque 'Blue Star' da costa

O quimiqueiro segue embarrancado (Iago Varela)

O quimiqueiro deberá agardar até a noite deste sábado para o domingo para un segundo intento.

As manobras de rescate do quimiqueiro 'Blue Star' realizadas o mediodía deste sábado non tiveron éxito e o buque deberá agardar até a noite do sábado para o domingo para que realicen un segundo intento. Tal e como estaba previsto varios remolcadores e un helicóptero participaron nas tarefas de traslado do buque a zona segura mais as estachas que o amarraban racharon e non acadaron o seu obxectivo.

Logo deste primeiro intento a operación suspendeuse e segundo Salvamento Marítimo volveran a tentar mover o quimiqueiro cara as 2 horas da madrugada deste domingo. Aínda así estímase que a altura que alcanzará o mar será a mesma que a do mediodía deste sábado, segundo algunhas fontes consultadas por Europa Press.

Para as vindeiras xornadas agárdanse mareas máis cheas que facilitarían a mobilidade do buque para o seu traslado desde a zona onde embarrancou. A tripulación continúa no interior para colaborar cos traballos de rescate.