Un quimiqueiro con bandeira de Malta embarranca na costa de Ares

O quimiqueiro embarrancado (Iago Varela)
O 'Blue Star' ten 128 metros de eslora e non levaba carga a bordo. Perto de 13.000 barcos con mercancía perigosa navegan cada ano fronte ás costas da Galiza

O barco quimiqueiro 'Blue Star', con bandeira de Malta, embarrancou na noite desta sexta a sábado na costa de Ares. En concreto, entre as praias de Barrosa e A Canteira, na zona de Punta Miranda. Segundo Salvamento Marítimo, a tripulación do buque está en bo estado e a bordo. O barco foi construído en 2011 e ten 128 metros de eslora e 19,5 de manga.

O barco dedícase a transporte de produtos químicos e petroleiros se ben no momento de embarrancar non levaba carga a bordo.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, o barco quimiqueiro tivo un problema na máquina cando saía do fondeadoiro de Ares para tomar práctico e entrar na Coruña, pero a avaría deixouno a mercé do vento e as ondas

Embarcacións de Salvamento Marítimo e un helicóptero deste mesmo organismo desprazáronse até o lugar para tratar de remolcar o buque e rescatar a tripulación.

Cada ano por volta de 13.000 buques con cargamento de risco navegan fronte ás nosas costas. Son case 300 máis que no ano do Prestige. Embarcacións que, como denunciaban desde hai tempo colectivos da defensa do medio ambiente como a Plataforma en defensa da Ría de Arousa, entre outras, son "bombas de reloxaría potenciais"