Saúde

A auga de Betanzos xa se pode consumir... mais a de Foz agora non é recomendábel para o consumo

O norovirus obrigou a restrinxir o consumo de auga en Betanzos. (Foto: Nós Diario)
O norovirus desaparece das augas betanceiras e o Concello levanta as restricións, mais os problemas chegan agora a Foz, onde se detectaron valores moi elevados de THM e o Goberno local pide evitar a súa inxestión e uso para comidas.

O Concello de Foz (A Mariña Central) lanzou esta quinta feira un comunicado no que instaba a poboación a non utilizar a auga da traída pública para a inxestión e preparación de alimentos, dado que presenta unha cantidade máis elevada da recomendada de substancias nocivas. O último control de mostras indicou que os valores de trihalometanos (THM) están por riba dos límites permitidos de 100 gramos por litro.

Desde o consistorio matizaron que o risco sanitario "está asociado a un consumo continuado de auga durante anos con niveis de THM elevados"; porén, recomendaron como "medida preventiva" non inxerir a auga nin utilizala para cociñar "até que diminúan os niveis", o que confían en que suceda cedo.

Desta recomendación queda excluída a parroquia de Cordido, que recibe a subministración dunha rede independente. Informan ademais de que xa se aplican as medidas de corrección necesarias no proceso de potabilización, para o que a concesionaria Gestagua substituíu o reactivo hipoclorito de sodio por peróxido de hidróxeno, "polo que se espera que os valores volvan aos límites permitidos nun curto período de tempo".

Con todo, o alcalde comunicou que a auga é apta para o resto de usos, incluído o baño e a limpeza en xeral. "A nosa principal preocupación é que non se produza ningún tipo de risco para a saúde por mínimo que este sexa. Pedimos desculpas polas incomodidades que isto vaia producir", lamentou.

Betanzos

Na liña oposta, o Concello de Betanzos (As Mariñas) levantou onte mesmo as restricións ao consumo de auga do servizo de abastecemento logo de que as últimas análises a cualificasen como "apta" para consumo. Permítese o consumo en todo o termo municipal, incluídos os núcleos que dependen do depósito de Xanrozo, como A Graña, Guiliade, Piadela, Viladesuso, Castro, Infesta, O Farragoto, Abelasres e parte da Condomiña, despois de que o tratamento efectuado pola empresa responsábel lograse eliminar a presenza de norovirus.

Deste modo, informa o Goberno local, "ponse fin ás restricións iniciadas o pasado 22 de xullo ao coñecer que os resultados das probas feitas o 20 do mesmo mes pola empresa concesionaria daban presenza de norovirus". O Concello e a empresa concesionaria mantiveron até esta mesma quinta feira o servizo de abastecemento a través de tres cisternas que cada día renovaban a auga e mediante as cales se repartían 15.000 litros. Tamén se entregaron garrafas de auga á veciñanza.

Alén da denuncia efectuada ante os xulgados para que se investigue a orixe das verteduras no río, o consistorio insistiu en que Augas da Galiza faga un estudo no río "para determinar os puntos de vertedura augas arriba da captación de auga municipal no río Mendo xa que todos os resultados e mostras feitas por Viaqua indicaron presenza de norovirus no río".