Malestar pola foto “propagandística” de Corina Porro en pleno confinamento

A foto da polémica (Xunta)

Críticas á delegada da Xunta pola súa imaxe posando con máscara no reparto de material da Xunta a concellos polo COVID-19.


 

Está a repartir axuda humanitaria ou que fai?”. A sorpresa era unha das respostas nas redes sociais á foto de Corina Porro posando con máscara e garrafa de anti desinfectante en man nun reparto de material da Xunta fronte ao coronavirus para concellos da área de Vigo.

A outra resposta nas redes á imaxe da delegada da Xunta en Vigo era a indignación. “Que vergoña!” ou “espectáculo vergoñento” eran algúns dos comentarios.

O certo é que a foto non sentou ben a moita xente. Axiña houbo quen a ligou con outras fotos de 'metida de zoca' de líderes populares, como a de Núñez Feixoo mangueira en man contra os incendios en 2006, cando era líder da oposición.

A Xunta, a través da Delegación Territorial de Vigo, iniciou o reparto entre os concellos da área territorial do primeiro material urxente de protección para atender o persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais. Concretamente, repartíronse, informa a administración, máis de 20.000 pares de luvas e 2.000 máscaras entre os municipios da área viguesa.

As críticas nas redes diríxense ao que moitas consideran unha utilización “propagandística” por parte da delegada da Xunta dese reparto de material.