As fortes chuvias fanse notar na Galiza: estradas anegadas e grandes crecidas nos ríos

Unha persoa protéxese da chuvia en Santiago de Compostela nunha imaxe de arquivo (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
En Mondariz e Ponteareas, a subida do caudal do Tea provocou inundacións nas rúas. Aínda que polo momento non foron de moita intensidade, a auga si entrou polos baixos dalgunhas vivendas.

Estradas con balsas de auga e rúas asolagadas son as primeiras incidencias que deixan as crecidas dos ríos en municipios do suroeste do país, principal zona afectada polas fortes choivas da madrugada e a mañá desta quinta feira na Galiza.

Segundo informan fontes do 112 Galiza, a zona é a máis afectada polas abundantes precipitacións, o que obrigou á activación dunha alerta laranxa por acumulacións de máis de 80 litros por metro cadrado en 12 horas. No resto do país, fóra da Mariña, o aviso será de nivel amarelo pola caída de 40 litros por metro cadrado.

As primeiras incidencias ocorreron en concellos próximos á fronteira con Portugal. O 112 recibiu varios avisos de particulares por crecidas dalgúns ríos.

O Tea

En Mondariz e Ponteareas, a subida do caudal do Tea provocou inundacións nas rúas. Aínda que polo momento non foron de moita intensidade, a auga si entrou polos baixos dalgunhas vivendas.

A Policía Local de Ponteareas lanzou un aviso a través de redes sociais para informar do corte da estrada que vai á Freixa, polo acceso da N-120 até o cemiterio de Ribadetea; así como da estrada da Ribeira, en Moreira.

No caso do Rosal, un particular avisou da subida do río Tamuxe. A todo iso súmanse incidencias máis habituais, como caídas de árbores nas vías de circulación.