Novas frontes axexan Galiza: fortes refachos de vento e choivas "fortes e persistentes" para os vindeiros días

A borrasca 'Aline' obrigou a decretar a alerta vermella na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Xunta mantén a alerta de seca na área da Coruña malia as fortes choivas.

O paso por territorio galego das borrascas Aline e Bernard deixou abundantes precipitacións en boa parte do país que continuarán nas vindieras xornadas, segundo avanzou esta cuarta feira o meteorólogo e portavoz da Aemet Rubén del Campo. Manterase un tempo "tipicamente outonal", coa chegada de novas frontes asociadas a borrascas atlánticas e precipitacións "fortes e persistentes".

Para esta quinta agárdanse temperaturas con valores "propios" para esta época do ano e refachos de vento "moi fortes", nomeadamente no litoral atlántico. E, de cara a mañá e a fin de semana, a situación será semellante na Galiza, con "ventos húmidos" e abundantes precipitacións, sobre todo o domingo mais con presenza tamén durante a xornada do sábado.

Alerta de seca

Malia o notábel aumento das precipitacións nos últimos días, a Oficina Técnica da Seca da Xunta da Galiza, reunida esta cuarta feira, acordou manter a situación de alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Mero, a ría da Coruña e Arteixo, pois non se acadou, "polo momento, a melloría necesaria" no encoro de Cecebre. Si se percibe un importante crecemento do caudal no sistema do río Anllóns e Costa da Coruña até o límite de Arteixo, onde se baixa de alerta a prealerta.

Tamén se manteñen as medidas equivalentes a un escenario de prealerta ou escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona, desde o cal se abastece este concello. O resto dos sistemas presentan agora niveis de "normalidade", cunha ocupación na demarcación Galiza-Costa de 64%, 5,5 puntos máis que un ano atrás. Con todo, a Xunta mantén o chamamento a un "consumo responsábel".