O Foro Galego de Inmigración urxe que se regularicen as persoas vítimas de explotación laboral

Concentración do Foro Galego da Inmigración en Compostela en 2023 contra a violencia nas fronteiras (Foto: Fernando Mosquera).

A entidade social solicita, ademais, a indemnización económica "máis alta" para a familia da vítima dun accidente laboral en Carballo.

O Foro Galego de Inmigración urxe que se conceda, de maneira inmediata, a autorización de residencia ás persoas vítimas de explotación laboral que se coñeceron tras a detención dun veciño de Mesía acusado de agredir sexualmente a empregadas e captar inmigrantes para traballar en prostíbulos.

Unha vez coñecido este caso, o colectivo trasladou, a través dun comunicado, a demanda de axudas públicas para que as persoas que estaban retidas de maneira ilegal contaran co apoio "para o seu mantemento en condicións dignas".

Ademais, o Foro solicita "o máximo rigor na investigación xudicial derivada" neste caso que coincide cunha retención ilegal, agresión sexual e trata, entre outros.

Así o trasladou o Foro nun comunicado, despois de que este sábado transcendese que un veciño de Mesía foi detido acusado de agredir sexualmente a empregadas e captar inmigrantes para traballar en prostíbulos.

Morte laboral en Carballo

Da mesma maneira, tras a morte dun traballador nunha obra en Carballo (comarca de Bergantiños), o Foro demanda, "a pesar da súa situación irregular", as indemnizacións económicas que a normativa establece nestes casos para a familia do falecido, "máis altas" que as que se coñecen ata o de agora e que considera "ridículas".

Sobre este caso, reclama tamén unha investigación xudicial á empresa responsábel que "aparentemente cometeu graves delitos no ámbito da seguridade laboral e da explotación de traballadores inmigrantes".

Regularización

"Estes dous casos son exemplos concretos da grave situación de indefensión na que se atopan as persoas inmigrantes residentes na Galiza e no conxunto do Estado”, aseguran desde este colectivo.

Entenden que son  “vítimas inocentes de persoas e empresas que pretenden aproveitarse desta situación, pero sobre todo vítimas da lexislación que condena ás persoas inmigrantes a pasar un longo tempo en situación de irregularidade administrativa, antes de poder regularizar a súa situación".

Por outra parte, o Foro considera que, para evitar este tipo de situacións, débese aprobar "inmediatamente" a Iniciativa Lexislativa Popular Regularización Xa, que está na mesa do Parlamento desde 2023, ademais de modificar a Lei de Estranxeiría para "garantir formas de acceso regular razoábeis ás persoas que queren facer aquí un proxecto de vida; e doutra banda, evitar situacións de irregularidade administrativa", porque "ningún ser humano é ilegal".