O Foro Galego de Inmigración solicita ao novo Goberno estatal a aprobación da ILP para a regularización de persoas migrantes

A iniciativa, que sumou máis de 700.000 sinaturas, está na mesa do Congreso desde a anterior lexislatura 

O Foro Galego de Inmigración solicitou ao recentemente conformado Goberno estatal a aprobación da Iniciativa Lexislativa Popular que promovía a regularización das persoas migrantes residentes no Estado, entre outras peticións.

Segundo lembran nun comunicado, en 2022 conseguíronse case 700.000 sinaturas para unha iniciativa que, apuntan, está na mesa do Congreso desde a anterior lexislatura e que debe "ser retomada o máis axiña posíbel".

"É unha cuestión imprescindíbel para impedir a exclusión de dereitos básicos a unha parte importante, máis de medio millón de persoas da poboación residente no Estado", afirman.

Piden tamén a derrogación "inmediata" da actual Lei de Estranxeiría, vixente desde hai 20 anos e que "esixe un cambio radical nas súas formulacións", así como modificar a Lei de Asilo de forma que permita implementar "un novo modelo que garanta os dereitos humanos".

Solicitan, así mesmo, unha nova política na fronteira sur do Estado para "evitar terribles masacres como a de Melilla de xuño de 2022", unha política "antirracista" e "defensora dos dereitos das mulleres migrantes"

Ademais, instan o novo Goberno a garantir o acceso ao emprego en condicións de igualdade, así como o acceso a servizos básicos "para garantir o cumprimento dos dereitos humanos".

Por último, fan fincapé na importancia de asegurar a existencia de recursos públicos, técnicos, económicos e humanos suficientes.