Fonte de Oliva, no Bierzo, pide a súa integración na Galiza

Imaxe do Bierzo

 A localidade, que fai parte do concello de Balboa, quere pasar a integrarse no de Cervantes.

 

Fonte de Oliva é unha pequena aldea do concello de Balboa, no Bierzo, que vén de solicitar a súa integración na Galiza. Unha demanda veciñal que responde a que se sinten abandonados e marxinados polos dentros de decisión de Castela e pola afinidade cultura e de relacións con localidades da Galiza como Cervantes ou Pedrafita.

En Infobierzo, o alcalde de Balboa, José López Peña, achaca os desexos de unirse a Galiza ao “abandono” do rural por parte do Goberno de Castela.

Segundo este mesmo medio, o alcalde do  Concello de Cervantes, Benigno Gómez, prometeu á Xunta Veciñal de Fonte de Oliva convocar un pleno municipal no que debater a petición de adhesión ao seu municipio da vila berciana. O pedáneo de Fonte de Oliva, Fernando Cerezales, declarou a  InfoBierzo que Gómez mostrouse “partidario” da idea, e mesmo asegurou que “a súa solicitude aprobaríase” no devandito pleno. 

Ademais, esta mesma terza feira o Movemento Cidadán A Quinta manifestou o seu apoio a Fonte de Oliva no seu camiño para integrarse na Galiza.

Este movemento demanda a constitución como provincia dos 38 concellos que conforman a comarca administrativa do Bierzo, que pasaría ser a 51º provincia do Estado Español, e a súa posterior integración na Galiza, “conforme á actual Constitución Española”.

Un traballo realizado por Electomanía o pasado mes de maio en base a 4.500 respostas, recompiladas entre 18 e 22 de maio, indicaba que 75% das habitantes do Bierzo desexan que esta comarca se constitúa como unha provincia propia.

A opción máis apoiada é que esa provincia pase a integrarse na Galiza (26,2%), por diante dos que optan por unha provincia do Bierzo dentro de Castela-León e o 23,7% que opta por un Bierzo nun León constituído en comunidade autónoma á marxe de Castela.