A Fonsagrada sae á rúa contra os recortes sanitarios da Xunta

Veciñas e veciños concentrados onte ante o centro de saúde da Fonsagrada. (Foto:Nós Diario).

A comarca conta con catro prazas médicas vacantes dun total de sete.

Veciñanza da Fonsagrada e de Negueira de Muñiz volveu mobilizarse onte en defensa dos servizos sanitarios. As persoas participantes denunciaron os recortes da Xunta da Galiza e alertaron dos plans do Goberno galego de reducir a atención médica após os comicios do vindeiro 18 de febreiro.

A Montaña fica sen persoal médico. O concello da Fonsagrada, capital da comarca do mesmo nome e onde se empraza o Punto de Atención Continuada (PAC) de referencia na zona, leva meses con dúas prazas de facultativos vacantes. A maiores, outros dos médicos do centro de saúde están próximos a faceren os 70 anos, polo que o número de profesionais ficaría reducido a dous.

A redución no número de facultativos é só unha parte dos recortes sanitarios. Así, a asistencia pediátrica está reducida a unha mañá á semana, véndose obrigados pais e nais de crianzas a acudiren o resto dos días ao centro de saúde de Castroverde (comarca de Lugo). Ao tempo, os servizos de fisioterapia e matrona ofrécense no concello de Becerreá (Os Ancares), situado a máis dunha hora de distancia e sen conexión por transporte público.

O Goberno galego non ten previsto resolver esta situación e así llo fixo saber aos diversos grupos con representación na corporación municipal.Neste contexto enmárcase a mobilización convocada onte por BNG e Concello de Negueira de Muñiz fronte ao centro de saúde da Fonsagrada, que reuniu máis de 300 persoas, segundo a organización, cuxa voceira na localidade, Rosa Rego, sinalou durante a concentración que “para a Consellaría de Sanidade parece que non existimos, agardamos que vendo que a veciñanza está sufrindo os recortes que están levando a cabo na Fonsagrada se decidan a dar maior cobertura sanitaria e que poidamos ter unha sanidade de proximidade”.

A protesta contou, tamén, coa presenza dun grupo de veciños e veciñas de Negueira de Muñiz. No seu caso, denunciaron que o centro de saúde desa localidade só conta con asistencia médica un día á semana e advertiron de que a Xunta estuda o seu fechamento. No mesmo sentido, outro concello da comarca de Meira, Ribeira de Piquín, non ten facultativos desde hai meses.

O candidato do PSOE á Presidencia do Goberno galego, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu onte á concentración para trasladar o seu apoio ás reivindicacións da veciñanza da Fonsagrada. Nesta dirección, manifestou que “a Atención Primaria precisa dunha nova estratexia e dun forte compromiso por parte da Xunta para recuperar o prestixio e a importancia que ten na cadea sanitaria” e criticou que “ao fechar centros médicos nos concellos, Rueda fixa un país de dúas velocidades onde a xente do rural sempre perde”.

Pola contra, o director asistencial da área Sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, Rafael Montes, negou que se fecharan centros de saúde no rural.

Oza-Cesuras

A mobilización da Fonsagrada coincidiu coas queixas da veciñanza do concello de Oza-Cesuras (comarca de Betanzos). Neste caso, a voceira do BNG no municipio, Estefanía Busto, denunciou que "son moitas as persoas que nos fixeron chegar as súas queixas pola carencia dunha cobertura adecuada cando falta algunha médica ou médico, con prazos para unha cita de máis dunha semana".