A Fonsagrada exixe na rúa a recuperación dos servizos sanitarios eliminados polos recortes

Concentración en defensa da Atención Primaria diante do centro de saúde da Fonsagrada. (FOto: Nós Diario).
A veciñanza concentrouse en defensa da sanidade pública e co apoio do BNG, que propón destinar 200 millóns de euros para devolver á Galiza a atención, os medios e o persoal perdidos.

Veciñas e veciños da Fonsagrada máis de Negueira de Muñiz volvéronse concentrar este 14 de xaneiro para reclamarlle ao Sergas que free e progresiva perda de servizos sanitarios na comarca e devolva ás familias a atención usurpada.

A cabeza de lista do BNG ao parlamento galego, Olalla Rodil, participou na concentración convocada no centro de saúde da Fonsagrada, que atende tamén a veciñanza de Negueira.

"É preciso dar a volta a 15 anos de recortes na sanidade pública e blindala con persoal e medios que garantan o acceso das galegas e galegos a unha atención sanitaria de calidade ", afirmou Rodil.

Atención integral

Para a candidata do BNG, "unha das primeiras medidas a poñer en marcha é o Plan de Mellora da Atención Primaria, cunha partida de 200 millóns de euros para reforzar a porta de entrada á sanidade pública".

Olalla Rodil afirmou que é preciso aumentar o número de profesionais en todos os centros de saúde, "e incorporar á Atención Primaria persoal de categorías imprescindíbeis, como psicoloxía clínica ou logopedia, para prestar unha atención integral".

Segundo sinalou, o primeiro nivel da sanidade pública foi o que sufriu os recortes máis agresivos. En consecuencia, precisou Rodil, "masificación de consultas, falta de profesionais, e PACs ao límite", que repercuten na vida diaria das galegas e galegos.

Novo modelo de Atención Primaria

"É urxente reverter estas políticas, acabar cos recortes e as privatizacións, as galegas e galegos podemos darlle a volta a esta situación e recuperar un sistema de sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade", afirmou Olalla Rodil, quen avogou por mudar o actual modelo sanitario por un no que "as persoas sexan o centro, baseado en equipos de profesionais en número suficiente que poidan atender en condicións ás necesidades da veciñanza".