170 ANIVERSARIO

A Fondo: O noso abril

O 26 de abril de 1846 tiveron lugar os fusilamentos dos Mártires de Carral que culminaron con 25 días previos de loita. É a nosa revolución. Unha revolución que mudará Galiza nunha nova época de reivindicación de si propia. Con motivo do 170 aniversario do noso abril, recuperamos os feitos no A Fondo. Á venda na loxa.

Cilia Torna, investigadora e autora de diversos artigos de divulgación sobre o nacionalismo e os movementos sociais na Galiza dos dous últimos séculos, coordina este A Fondo titulado “O noso abril”.

“O noso abril comezou en Lugo, xa para sempre lugar de alzamento. Loitou en Cacheiras, refuxiouse en San Martiño Pinario, baixo a mirada do Murguía neno, morreu en Carral e exiliouse en Caminha, Porto ou Peniche, outra vez Portugal. O noso abril pensouno Antolín Faraldo, a forza da intención, encabezouno Miguel Solís, o capitán do pobo, e fíxoo o pobo galego para volver ser”, sinala a coordinadora.

Este A Fondo abre cun extenso artigo asinado por Justo Beramendi, catedrático da USC e autor dunha abondosa bibliografía sobre a historia do nacionalismo. O historiador dá conta do que denomina a “primeira manifestación do galeguismo político, o provincialismo”, que estabeleceu “o embrión do que, andando o tempo, será o concepto de Galiza-Nación”.

En “25 días de abril. Cando Galiza foi respectada”, Marcos Maceira, licenciado en Historia pola USC e autor de diversas investigacións sobre a Revolución de 1846 e sobre o Banquete de Conxo, recupérase a modo de crónica os feitos que tiveron lugar a primeiros de abril, cando os militares se sublevaron en varios puntos do país contra a ditadura de Narváez. “Foron 25 días de loita que mudarán Galiza nunha nova época de reivindicación de si propia”, salienta o autor.

Canda a peza de Marcos Maceira, publicamos neste A Fondo unha carta de Antolín Faraldo, practicamente descoñecida, escrita desde Peniche o 10 de maio de 1846 para solicitar dar a coñecer a “historia sincera e detallada dos acontecementos que tiveron lugar en Galiza” e “as tendencias da revolución e da súa verdadeira índole”, “revelando con franqueza quen foron os que faltaron aos seus xuramentos e nos abandonaron ao perigo”.

“Antolín Faraldo, o protonacionalismo” é a peza informativa que asina Francisco Rodríguez Sánchez, catedrático de Lingua e literatura, ensaísta e autor de múltiples traballos de sociolingüística, crítica literaria e historia. O autor debulla a figura de Antolín Faraldo, partindo das análises de Manuel Murguía, quen “tiña claro que –o revolucionario- foi o primeiro en defender a causa de Galiza”. Afirma que Antolín Alcántara “foi un home predisposto á acción e ao compromiso político” e dá conta de como detectou que o Estado “anulaba aínda máis a capacidade política do país”.

Este A Fondo fecha con “A revolución que segue”, artigo da coordinadora, Cilia Torna, quen expón que o abril galego “non foi unha asonada cuartelaría tan ao uso, senón a explosión dun movemento que levaba cocéndose ao longo da década como resposta á instauración da política centralizadora do Estado liberal.

 

[O A Fondo sobre a revolución do 1846 xa está dispoñíbel na loxa xunto ao semanario Sermos Galiza]