COORDINA BELéN TAJES

A Fondo: A educación musical na Galiza

Detalle da portada do A Fondo.

O A Fondo desta semana dedicámosllo á educación musical, regrada e non regrada, no país. Coordinado por Belén Tajes, música, cantante, compositora e especialista en Musicoterapia, o caderniño é unha radiografía de todo canto achega a música tradicional.

Na peza Introducírmonos no estudo musical, Belén Tajes dá conta da situación que vive o ensino da música, nun contexto en que a poboación está a demandar cada vez con maior frecuencia actividades musicais, e das diferentes vías que existen para nos somerxer nela.

Lucía Da Fonte achéganos as claves da aprendizaxe musical nas crianzas e os beneficios que comporta. Explica que a instrución precoz está fóra dos esquemas cognitivos e esforzos físicos dos pequenos e pequenas e reivindica que sexan as propias crianzas as que elixan e proben os instrumentos necesarios. Remata cun bo consello: “non vos frustredes se ningún instrumento convence a pequena ou o pequeno, pois, quizais, os seus intereses sexan outros”.

Neste número o A Fondo reproduce dúas conversas, as dúas da propia Belén Tajes, con Pablo Díaz, autor de Tic-Tac, e con Rodrigo Romaní, impulsor da Etrad. Pablo Díaz reivindica na entrevista un maior apoio á música do país e defende un maior coñecemento da música tradicional na escola. Romaní fálanos da experiencia na Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo e salienta a necesidade de ver a música como un dereito, e non como ocio.

En A música na escola pública, Javier Prado, o músico, compositor e especialista en Audición e Linguaxe, reflexiona, desde o persoal, do que acontece nas aulas. Expón que falar da materia de Música dentro da escola non se pode facer dun xeito xeral ou illado, pois cada centro do noso país é un pequeno universo autónomo que trata de buscar o mellor para o seu alumnado.

Tamén nos achega a súa experiencia como profesora de Piano, Linguaxe musical e Música e Movemento nunha escola infantil privada e nunha escola municipal Olga Brañas, crítica musical de Sermos. Aliás, alude ao ensino no Conservatorio, no que ela estudou.

Este A Fondo féchase cun artigo de Belén Tajes a modo de conclusión no que apela á dignificación do oficio e no que denuncia a falta de apoios e de medios.

[Este A Fondo, xunto co semanario, xa está dispoñíbel nos quioscos e na loxa]