A folga de secretarios xudiciais mantén miles de actos suspendidos na Galiza e un seguimento de máis de 70%

Concentración de letrados e letradas en Vigo. (Foto: Europa Press)
Ao longo dos últimos días realizaron varias concentracións.

A folga indefinida de Letrados da Administración de Xustiza (LAX), antes denominados secretarios xudiciais, que vai camiño da súa segunda semana, mantén paralizada a maior parte da actividade na Galiza, con miles de actos suspendidos e un seguimento de máis de 70%.

Así o trasladaron fontes da Unión Progresista de Letrados da Administración de Xustiza (UPSX) na Galiza, que indicaron que, se na primeira semana quedaron suspendidos ao redor 3.000 actos (xuízos, comparecencias, declaracións, apoderamentos, etc.), esta semana a repercusión "chegará ao dobre".

Os LAX da Galiza manteñen unha participación neste paro, que é de cáracter indefinido, de máis de 70%, con cifras mesmo moi por riba nalgunhas provincias.

Ao longo dos últimos días realizaron varias concentracións, entre elas unha o pasado sexta feira na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Ademais, realizaron encontros con distintos operadores xurídicos (o presidente do TSXG, o Fiscal Superior da Galiza, maxistrados, avogados, procuradores ou graduados sociais) para trasladarlles a súa situación.

Todos os axentes implicados mostraron a súa preocupación por esta parálise, que no caso da Galiza agrávase porque aínda se arrastran, aseguran, as consecuencias da pandemia de Covid e mesmo da folga do pasado 2018.

Así mesmo, unha representación dos secretarios xudiciais da Galiza mantivo un encontro co director xeral de Xustiza da Xunta, José Tronchoni, "que se comprometeu a expór o problema en sede parlamentaria", segundo UPSX. Segundo informou esta organización, o seguimento da folga a nivel estatal é de 80 % e suspendéronse máis de 90.000 sinalizacións en todo o país.

Á paralización das vistas e outros actos, súmase o bloqueo nos trámites de pago de indemnizacións, pensións, consignación de multas, etc., xa que son os LAX quen xestiona as contas da oficinas xudiciais. No caso da Galiza, na primeira semana de paro, estas contas tiñan un saldo acumulado duns 5.000 millóns de euros, cando a media é duns 500 millóns menos.

Con este paro a nivel nestatall, os secretarios xudiciais reclaman ao Ministerio de Xustiza que cumpra os compromisos adquiridos con este colectivo en abril pasado e, entre outras melloras, leve a cabo a adecuación dos seus salarios ás novas funcións e responsabilidades que realizan desde 2009.