Sanidade

Médicos en folga apuntan ao "éxodo": "Nun pobo de Suecia, catro dos dez doutores son galegos"

Concentración no Hospital Universitario de Ourense con motivo da folga do persoal médico convocada polo sindicato CESM na Galiza. (Foto: Agostime / Europa Press)
Os doutores mobilizados pola CESM urxen melloras nas condicións laborais e salariais nunha terceira xornada de paro que contou, segundo o sindicato, cun seguimento superior a 60%.

Varias decenas de facultativos mobilizáronse esta quinta feira, terceira xornada de folga convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, ante as portas do Hospital Clínico de Santiago e do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para instar a Consellaría de Sanidade a "sentar e falar". Estas protestas seguen as que os dous primeiros días decorreron noutros municipios como Vigo, Lugo e Burela. En Ourense, os sanitarios volveron concentrarse e, en declaracións aos medios, o delegado de CESM, Alberto Escobar, reclamou "un acordo escrito, táctico" á Xunta: "Non vale unha declaración de intencións".

Sobre a participación, no CHUO arredor de 80% dos quirófanos están sen actividade, de acordo con cifras que dá o propio sindicato convocante, que asegura que os datos de seguimento do paro "son moi superiores" aos que ofrece a Administración. A participación, sinalan, rolda o 62% nesta terceira xornada.

"Sanidade pode maquillar datos, pero a realidade é que, se de 19 quirófanos só funcionan sete e de cada 100 consultas só funcionan 45 e nestes tres días os datos de adiamentos cirúrxicos son que se suspenderon 110 cirurxías... Son os datos obxectivos a cuantificar", explicou Escobar. Unha situación que se repite en Verín, onde só se están a atender cirurxías "de urxencia".

"Dignidade laboral"

En Santiago, decenas de profesionais protestaron na porta principal do Clínico con 'Dignidade laboral' como principal lema e consigna que corearon, acompañados de pitos e bucinas. En declaracións á prensa, o responsábel de CESM na circunscrición da Coruña e médico do 061, Manel Gómez, incidiu en que esta folga busca "facer presión" á Consellaría para negociar unhas melloras de condicións laborais e retributivas.

"Buscamos, principalmente, a dignidade do paciente e estar seguros do que facemos. Non se pode tratar a xente coma se fósemos maquinaria continua e se isto fose unha máquina de chourizos", explicou Gómez, para seguidamente reclamar máis "tempo" de consultas. O sindicalista pon o foco no "éxodo de profesionais" que se produce cara a outros territorios do Estado español e de fóra. Como exemplo, mencionou o caso de Hudiksvall, un pobo sueco onde "catro dos dez médicos" que hai son galegos.

A isto engadiu o veto a que os facultativos da pública que compatibilicen coa actividade privada poidan cobrar o complemento específico, algo que "só" ocorre en Asturias, Nafarroa e Galiza, salientou.

O delegado de CESM celebrou o apoio que está a recibir a folga no Clínico, singularmente no servizo de Anestesia, onde se paralizaron "moitas intervencións" porque "só funcionan tres quirófanos"; así como nos de Xinecoloxía, Oftalmoloxía e Radioloxía.

"A xente está a apoiar a folga. Moitos médicos están a suspender intervencións e consultas. Pedimos desculpas á poboación polos problemas que puidemos causar", lamenta, aínda que alega que os facultativos están "cansos" despois de tres anos de pandemia e que é o propio Sergas o que "forzou" as protestas.