A folga de médicos na Galiza abeira as 20.000 consultas anuladas e supera as 1.000 cirurxías suspendidas

Persoal médico do hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo). (Foto: Nós Diario)
Sanidade afirma que nesta quinta xornada de paro segue a baixar a participación.

A Consellería de Sanidade facilitou este sábado os datos de seguimento da folga de médicos para a quenda de mañá deste sábado, onde aseguran que 97% do persoal acudiu a traballar nesta xornada.

A nivel global, o paro deixa no seu quinto día case 20.000 consultas anuladas e supera as 1.000 cirurxías suspendidas. Apuntan que a folga convocada ten un seguimento global de 3,08%, "sendo a terceira xornada consecutiva de descenso".

Por áreas sanitarias, o seguimento o de 6,86% na área Sanitaria da Coruña e Cee; de 0% na área Sanitaria de Ferrol; de 0% na área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; de 2,04% na área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; de 0% na área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; de 0% na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés; e de 8,70% na área Sanitaria de Vigo.

En canto á xornada desta sexta feira pola tarde, suspendéronse 20 cirurxías, 26 consultas externas e tiveron que pospoñerse 14 probas pola folga.

Até o momento, o paro provocou a suspensión de 1.021 cirurxías, 19.132 consultas externas e 1.714 probas. Doutra banda, a Administración sanitaria destaca que o grao de cumprimento dos servizos mínimos durante a xornada é do 100%.

Esta folga indefinida está convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en solitario, sen o apoio de ningunha outra organización.

O CESM reclama, de forma xeral para todo o persoal, a xornada de 35 horas semanas e o incremento do prezo da hora de garda presencial e localizada, diferenciando entre laborais e fins de semana ou festivos. Tamén piden a xeneralización  do complemento específico para que poidan cobrar o mesmo profesionais do Sergas e da privada, así como a declaración dos días 24 e 31 de decembro como non laborais.

En canto á Atención Primaria, o sindicato reclama a implantación de axendas fechadas cun máximo de entre 25 e 30 pacientes e un tempo non inferior a 10 minutos para cada un, así como restrinxir a teleasistencia e retirar o polémico sistema XIDE. Nas distintas mobilizacións de hoxe reclamaron un maior número de facultativos e vontade política para negociar.