Folga indefinida nos PAC: “A incompetencia da Xunta na sanidade galega é un problema que non se pode esconder máis”

Pacs en pe de guerra

Paro do persoal “pola mellora asistencial e laboral”

O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galiza está convocado desde esta segunda feira a unha greve indefinida. Un paro convocado polo comité de folga dos PAC e que colle o relevo das dúas greves parciais que se protagonizaron nestes meses. A ausencia de diálogo por parte do Sergas e a falla de vontade da administración para atopar unha solución ao conflito son os argumentos que o comité pon riba da mesa para convocar esta medida. Como exemplo poñen que durante todo este tempo o Comité de Folga non foi convocado para negociar.

 

“As peticións do colectivo seguen a ser os 11 puntos que nos uniron en toda a xeografía galega fai perto dun ano: a retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos enfermaría-médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección acorde ao traballo que desenvolvemos ou un cómputo de xornada correcto onde os permisos e as baixas nos compute neutro a efectos de xornada, son algúns dos exemplos”, explican desde o organismo convocante da greve.

 

Segundo datos publicados pola Consellaría, “en 2017 atendéronse máis de 1.548.000 urxencias nos 90 PAC de Galiza; 767.000 nos seis primeiros meses de 2018” e houbo un “alto índice de resolución, de máis do 90% sen necesidade de derivación hospitalaria”. Malia aumentar a actividade asistencial, os PAC non están dotados como deberían, sinalan desde o persoal, e os equipos sanitarios son mínimos. “A incompetencia da Xunta na sanidade galega é un problema que non se pode esconder máis”, afirman.