9, 10 E 11 DE ABRIL

“A folga en Atención Primaria vai ser histórica”

Imaxe Interior: Concentración diante do Centro de Saúde de Carballo Imaxe exterior: Facultativos de Atención Primaria da Coruña nunha imaxe de arquivo

A Coordinadora Galega de Atención Primaria rexistrou esta sexta feira a convocatoria de greve neste servizo para os días 9, 10 e 11. Un dos voceiros da Coordinadora, Xosé Dios, médico en Outes, indica que a “situación insorportábel” na que está instala Atención Primaria levou a convocar este paro.

O 9, 10 e 11 de abril Atención Primaria irá á folga na Galiza. Unha convocatoria feita desde a Coordinadora Galega de Atención Primaria e que conta co apoio de seis sindicatos (CIG, CCOO, UXT, CSIF, O´Mega e CESM), de colectivos en defensa da sanidade pública e da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, entre outros.

 

Esta sexta feira rexistrouse oficialmente a convocatoria. “Feixoo xoga ao divide e vencerás mais a folga vai adiante”, sinala en conversa con Sermos Galiza Xosé Dios, médico e membro da Coordinadora, que aponta a que agarda que haxa máis adhesións a este paro.

 

“Máis de mil profesionais estamos na Coordinadora”, lembra, e considera que a folga “vai ser histórica”. Xa o é, apunta, desde o momento en que é a primeira que se fai na sanidade galega que nun servizo engloba a todos os sectores: médicos, persoal administrativo, matronas, enfermeiras (se ben o sindicato de enfermería Satse non apoia)...

 

O vindeiro luns a Coordinadora comparecerá ante a prensa para explicar polo miúdo os motivos da greve, o calendario e obxectivos. Xosé Dios recoñece que a situación que se vive en Atención Primaria leva empeorando desde hai anos até chegar a ser “insorportábel”: demoras, sobrecargas, falla de medios e de persoal...

 

As propostas feitas desde a Xunta para este servizo non convencen a Dios, que considera que non son abondo para facer fronte ao problema, para alén de criticar a actitude da Consellaría, “que un día promete máis de 100 medidas, uns días despois son sete, despois outras...”. Tamén mostrou o seu malestar a respecto das últimas declaracións de Feixoo, que di que non ten coñecemento da folga. “Pois se non sabe, que se informe, e que saiba como está a sanidade”, instouno.